Salvemos Monteferro
Nova 73


FARO DE VIGO
21/05/2006 | Cartas al Director


Das Canas a Monteferro


Un ano atrás do outro a mesma historia. O Concello de Nigrán proclama o seu desexo de conseguir a bandeira azul para Patos, para Panxón e para a mal chamada Praia América (mellor, Lourido). Mentres, a praia das Canas permanece no máis absoluto abandono e chea de suciedade. Que delicto cometemos os veciños e as veciñas de Priegue? Non queremos trato de favor, queremos atención para todas as praias, que son a nosa riqueza, que son a nosa patria. Para a das Canas tamén. Até tal punto están sucios e abandonados os nosos areais que a Unión Europea abriu un expediente sancionador ao Concello de Nigrán por tal motivo.

Algún pequeno intento hai, con maior ou menor acerto, de recuperar dunas onde no seu día se puxo cemento. Pero iso é pouco máis que boa vontade.

Tal situación evidencia a existencia no goberno municipal de Nigrán dunha política liquidadora do natural e de promoción do urbanismo salvaxe. Porque, que outro significado ten, por exemplo, a intención de abrir unha carretera de circunvalación en Monteferro? Todos sabemos, e así o manifestamos na concentración que tivo lugar o día 13 de maio, que o vial previsto pola Deputación e o Concello de Nigrán será o fin do monte, a liquidación de Monteferro.

Difícil resulta recordar un mandato municipal tan anodino e tan pobre como o protagonizado polo alcalde Rodríguez Miralles á fronte da coalición PP-PINN. Que balance poden facer destes tres anos? Un fracaso absoluto, sen iniciativas de ningún tipo; o peor concello do Val Miñor. Nin se preocupan de coidar, de regular o negocio da hostelería, un auténtico desastre. Pensan só no negocio fácil: no inmobiliario. E desprecian o máis valioso que temos: a natureza.

Fagan algo, señoras e señores do goberno municipal. Cumpran co seu deber, aínda que sexa só nos poucos meses que lles quedan.



               Xosé Manuel García Crego - Nigrán


Atrás
Nova Anterior Índice dos Recortes Nova Seguinte