Acceso directo á nova.
Salvemos Monteferro
Nova 4753


La Voz de Galicia

GALICIA


«O problema dos lumes non é de medios nin de clima, hai algo máis»


08/04/2012 | Xurxo Melchor
| SANTIAGO
   

A Xunta investiga por que os incendios se concentran en só 77 parroquias

Rosa Quintana (Apure, Venezuela, 1959) mira estes días ao ceo e pídelle ao tempo unha tregua para poder poñer en marcha o plan de rexeneración das Fragas do Eume tras o lume que afectou ao parque natural. Se chovera torrencialmente, as cinzas contaminarían o río e o solo erosionado perdería nutrientes básicos para a súa recuperación.

-Tres meses en Medio Rural e xa se ten enfrontado a un brigadista morto e a un parque natural ardendo... De seguro que cambiaba todo por mil e un conflitos marisqueiros...

-Non, para nada. Son retos novos, cousas que suceden e a verdade é que xa despois destes tres meses o que estou é tremendamente satisfeita coa eficacia e a eficiencia coa que se está a traballar nesta consellería. Creo que nos temos enfrontado, como ben di, a moitos problemas e estámolos resolvendo todos con eficiencia e eficacia. Son cousas duras que suceden, pero o que é máis duro aínda é saber que iso se produce por un uso irresponsable do lume. Polas condicións meteorolóxicas que estamos a vivir, dende o 12 de marzo non se pode facer uso do lume no monte, polo que que alguén tente dicir que hai unha neglixencia a min paréceme un pouco forte.

-¿Coa seca sen precedentes que sufrimos estamos ante a tormenta perfecta?

-Non debería ser. A situación climatolóxica que temos nestes momentos en Galicia non é diferente ao resto de España, que é máis seca, e porén en Galicia o número de lumes é moito maior que no resto do territorio. Polo tanto, a sociedade galega ten que reflexionar sobre o que está pasando. Cando un compara outras rexións que sofren seca extrema habitualmente con Galicia, hai algo que non cadra.

-¿E que non cadra? Un pirómano é un enfermo, ¿hai tanto tolo ou son outros intereses?

-A min xa me gustaría ter a receita máxica... Moitas veces doulle voltas á cabeza pensando que hai detrás. Sinceramente, o sábado [día 31] vin para a casa ás cinco da mañá, o domingo ás dez da mañá volvía estar alí, vía o nerviosismo dos veciños, vía o traballo inmenso que estaban a facer todos os brigadistas, a UME, os alcaldes e os veciños, e que o domingo á tarde encontraran a dous tipos tentando prender outro lume máis... É que hai algo que nos está a fallar. Agora, ¿o obxectivo?, ¿que é o que buscan?: non son capaz de sabelo e xa me gustaría. Estámoslle dando moitas voltas na consellería a ese tema... Unha das primeiras cousas que fixen ao chegar a Medio Rural foi reunirme con todo o persoal de incendios para averiguar que era o que estaba a pasar...

-¿E que descubriu?

-Se un se pon a revisar os datos estatísticos dende 1995 pode comprobar que das 3.798 parroquias que hai en Galicia os lumes se repiten fundamentalmente en 77. Estamos analizando que é o que pasa nesas parroquias, que medidas estruturais temos que adoptar para evitar que se sigan producindo estes incendios. Somos a comunidade mellor preparada para a loita contra os lumes, a que máis medios dedica a apagar os lumes, e creo que estamos nun momento de reflexionar que é o que temos que cambiar para evitar que cando se fala de incendios todo o mundo pense en Galicia e que cando chega o verán todos nos poñamos a tremer. O problema dos lumes non é de medios nin humanos nin materiais. Non é o clima, hai algo máis.

-Falouse da construción, das eólicas, da mina de andalucita... ¿Vaise investigar isto?

-En todos os lumes hai unha investigación. Nalgúns termínase identificando ao culpable e noutros non. Neste trimestre, entre a Garda Civil e a Policía Autonómica detivéronse en Galicia máis de cen persoas por lumes. Máis do cuádruplo, creo, que en todo o ano pasado. Estámonos aplicando moitísimo na persecución dos incendiarios. Cando chegamos ao goberno no 2009, dixemos que queriamos que se modificara o Código Penal para que o furtivismo fora delito e para endurecer as penas dos incendiarios, e nesa liña seguimos. Xa temos o compromiso do ministro do Interior para que se endurezan as penas dos que prenden lume no monte.



«¿Alguén de verdade cre que se puido ter actuado mellor ou que non din a cara?»

A conselleira confésase «mosqueada» porque todos os incendiarios detidos sempre alegan que foi unha neglixencia. «Se te metes por unha autoestrada en dirección contraria está claro que estás a buscar algo», di.

-Fala vostede do endurecemento das penas, pero ¿que máis se pode facer?

-Estamos tentando darlle valor ao monte e ordenalo. Temos nestes momentos no Parlamento un proxecto de lei de montes que busca precisamente iso. Seguimos firmando os convenios cos concellos para desbrozar cada ano máis de 40.000 quilómetros de pistas para que unha chispa que salte non provoque un lume, tentamos toda unha labor de mentalización da sociedade, de formación dos nosos pequenos.

-E porén seguimos a ser unha comunidade que arde...

-Si. Eu creo que, moitas veces, e isto é unha reflexión persoal que fago agora, buscamos calquera escusa para xustificar e ás veces non damos unha mensaxe clara á sociedade. Toda a sociedade debe estar só dun lado. Todos temos un inimigo e ese é o que lle prende lume ao monte. Este é un tema no que todas as forzas políticas deberiamos reflexionar e que ninguén no seu pobo poida xustificar que alguén prenda lume no monte, que se tenten tapar uns veciños aos outros, porque o risco é moi elevado e as consecuencias son moitas veces catastróficas. Estamos a falar dun incendio que tocou a un parque natural, pero é que a semana anterior houbo outro que se levou por diante a vida dun brigadista e para min valor máis grande que a vida dunha persoa non o hai.

-Logo non lle sentarían moi ben as manifestacións...

-Non se actúa correctamente cando se tenta manipular. Sinceramente, vostede, eu, un señor do Bloque ou un do PSOE podemos estar de acordo en que temos que acabar cos lumes, agora, de aí a tentar manipular, a dicir que se traballou mal, que os medios non chegan polos recortes, é desvirtuar a realidade. ¿Alguén de verdade cre que se puido ter actuado mellor, que coa situación meteorolóxica que había alguén puido ter traballado mellor, ou que se me pode acusar de non dar a cara cando estiven alí dende o primeiro día? Iso é unha manipulación burda.




Atrás
Nova Anterior Índice dos Recortes Nova Seguinte