http://www.salvemosmonteferro.org
Monteferro, 02 de Abril de 2014:





Xustiza para Víctor





Protesta no concello de Nigrán

O noso compañeiro Víctor foi multado con 500 euros porque o pasado 14 de xuño de 2013 atopouse na rúa, diante do Concello de Nigrán, reclamando que se nos permitise o acceso, como veciñas e veciños do municipio, a un acto público importante: o pleno de aprobación inicial do Plan Xeral de Ordenación Municipal.

O concello impediu de facto o acceso dos veciños ao pleno, polo que nos atopamos na rúa contra a nosa vontade, e contra o dereito de asistencia a un acto público onde se ían tomar decisións transcendentes que ían afectar aos intereses de todas e todos, tanto públicos como privados. Dereito de acceso que, como era de rigor, comezamos a reclamar.

Dado o talante do goberno municipal, a nosa reclamación non foi atendida. En cambio, Víctor foi multado por atoparse concentrado nunha “manifestación non autorizada” según denuncia da Garda Civil de Baiona.


Menos leis e máis xustiza

A xustiza nada ten que ver coa legalidade. O concepto de xustiza está ao alcance de calquera persoa de ben, mesmo un neno é capaz de impartila. Pódese resumir nun principio ben coñecido: non queiras para os demais o que non queres para ti. Outra cousa é a legalidade. Todo o aparato xudicial: xuíces, fiscais, avogadas e procuradores estudan a legalidade e imparten ou defenden dereitos legais, e niso son eruditos. Pero o resultado é perverso: todos eles se esforzan en acadar sentenzas acordes coa lei impartida ou cos dereitos legais defendidos, sen valorar se a lei e a sentenza son xustas ou non.

É xusto sacar pola forza a un cidadán en paro da súa casa en función dunha débeda contraída cunha entidade bancaria, desposuílo da propiedade, poñelo xunto coa súa familia na rúa e esixirlle ademais o pago da débeda? A miña filla di que non é xusto, e eu concordo con ela…, pero é legal.

É xusto que uns poucos lle rouben á xente común os aforros de anos e os desbalden, arruinando á entidade bancaria que dirixen, que acudan á administración para seren rescatados co diñeiro de todas e todos, e que se xubilen asegurándose pensións astronómicas? A miña filla di que non, e eu concordo con ela…, pero eses “produtos financeiros” eran legais, e os responsables eluden o cárcere con mestría delictiva e cunha noxenta elegancia.

Dous amigos meus comezaron a traballar na mesma empresa o mesmo día, e traballaron nela varios anos cóbado con cóbado e coa mesma calificación profesional. Compartían, polo tanto, soldo, antigüidade, pluses e descontos. A empresa entrou en ERE e despediu a ambos os dous. A un deles o xuíz decretoulle unha indemnización por despido superior á ofrecida pola empresa. Ao outro, o mesmo xuíz denegoulla. É xusto? A miña filla di que non, e eu concordo con ela…, pero é legal.

A xustiza, polo tanto, só existe nos nosos corazóns. Na vida real estamos sometidos á legalidade, e a legalidade non é xusta. A legalidade defende os privilexios do capital, fai prevalececer aos ricos sobre os pobres, e os gobernantes de turno fanna mutar constantemente para favorecer aos seus señores. Nada que ver coa xustiza.

Se, de cando en vez, xurde unha lei que parece xusta, como a de dependencia, acaba sendo papel mollado. Baixo a excusa da crise e da falla de fondos, a lei queda desposuída da dotación económica que no seu propio texto establece. Se non hai fondos para que se dicta? A miña filla segue sen entender.

E chegamos aos dereitos fundamentais recoñecidos na Constitución e, polo tanto, “intocables”: o dereito a un traballo, a unha vivenda digna, á seguridade social, á educación, á igualdade de todos ante a lei... dereitos que son embestidos pola realidade actual e non atopan acubillo en toda a lexislación vixente que, no canto de desenvolver a Carta Magna, conculca enmarañadamente os seus preceptos. E non pasa nada, todo sigue sendo legal. Non quero frustrar máis a miña filla, pero alguén atopa xustiza en todo isto?

Agora, ao poder tamén lle molesta o dereito de manifestación. E pretende alonxar as manifestacións dos centros das cidades, e responsabilizar da súa seguridade aos seus convocantes, ameazándoos con multas millonarias se no seu transcurso se producen incidentes. Coma se os convocantes tivesen medios e autoridade policial para deter e/o meter no cárcere a persoas que atenten contra a reivindicación pacífica. Do mesmo xeito, as autoridades multan repetidamente a persoas maiores que acuden a manifestacións para protestar polo expolio cometido con elas polas entidades bancarias. Que é isto, se non un intento autoritario de amedrentar aos cidadáns e desposuílos do seu dereito constitucional?


Xustiza para Víctor

O pasado 14 de xuño de 2013, moitos de nós acudimos ao concello de Nigrán para asistir ao pleno de aprobación inicial do PXOM. Cando abriron as portas, atopámonos con que a penas quedaban 12 cadeiras baleiras, porque o resto estaban ocupadas por persoas que entraran pola porta de atrás horas antes, nun claro intento de impedir o dereito da cidadanía a asistir a un pleno do seu concello. Pedíuselle ao alcalde que trasladase o pleno ao auditorio municipal, para facilitar a asistencia de todas e todos... e negouse, polo que se organizou unha protesta espontánea diante do concello por parte das veciñas e veciños que quedamos fóra do pleno. Non houbo incidente ningún, nin violencia, nin feridos nin danos de ningún tipo. Pero o noso compañeiro Víctor foi multado con 500 euros por atoparse concentrado nunha “manifestación non autorizada”, segundo denuncia da Garda Civil de Baiona. Todas e todos os que estabamos alí acudiamos ao pleno municipal. Ninguén convocara manifestación ningunha, nin autorizada nin sen autorizar. Se alguén convocou a protesta foi o propio concello coa súa actitude.

Minten e multan inxustamente a propósito. Aplican legalidade onde non hai xustiza.

Fartos de leis precisamos xustiza.

Se eres unha persoa cabal e non che parece xusta esta multa, está na túa man facer xustiza. Acude ao xantar solidario que, para recadar fondos e facer fronte a esta multa, se vai celebrar o vindeiro sábado 5 de Abril no Torreiro de festas de Chandebrito as 14:00 h. O prezo do menú será de 12 euros para adultos e 8 euros para nenas e nenos ata 8 anos.

Reservas nos teléfonos 666 282 017 ou 615 269 282 ou no e-mail: csnigran@gmail.com.



Comentarios actuais

2 comentarios até agora (pon o teu)

Moi bo o artigo. Se non hai xustiza teremos que facela nós.

Autor: Nigrán tamén existe o Luns, 7.04.14 @ 11:55am | #154

Con solidaridad todo se puede. Hay que estar unidos y si lo conseguimos nadie nos va a parar. Felicidades para victor

Autor: Jose Luarte o Luns, 7.04.14 @ 21:25pm | #155

Deixe o seu comentario:

Autor:

E-Mail:

URL:

Comentario:


 


Teclee estes caracteres:

 

Nota: As contas de Email non serán visibles e usaranse só para validar o seu comentario. Manteña as formas. Calqueira comentario insultante, inapropiado ou ofensivo será eliminado.

Non se permite código HTML. Os saltos de liña serán convertidos automaticamente. Por favor, utilice BBCode para formatear o seu texto.