http://www.salvemosmonteferro.org
Monteferro, 30 de Setembro de 2015:




Domingo 4 de Outubro: VI andaina pola protección da serra do Galiñeiro.




A plataforma pola protección da serra do Galiñeiro organiza a VI Andaina baixo o lema:

Serra do Galiñeiro: Parque Natural



Amigas e amigos do monte Galiñeiro:

Un ano máis facemos a nosa andaina.

Sabedes que decidimos facela no outono para non perxudicar a vexetación, que na primaveira está no seu apoxeo, e evitar o pisoteo de tantas persoas nun mesmo día, pois estas andainas son ano tras ano numerosísimas. Grazas a todas e todos polo apoio a esta causa.

A protección da serra de Galiñeiro non está conseguida (nin moito menos!), simplemente a demanda de polígonos eólicos está parada en toda España por motivos de estratexia económica. En canto ás minas de Terras Raras, siguen en oferta pública as mesmas cuadrículas en toda a serra. A ordenación do monte seguen sen facerse e polo tanto as alteración do patrimonio cultural e do medio natural non diminuiron.

É necesaria unha figura de protección para a serra do Galiñeiro, e por ela temos que loitar. Esta plataforma está a demandar dos cinco concellos que teñen territorio na serra que inicien a declaración da figura de protección ENIL (Espazo Natural de Interese Local) como un primeiro paso no camiño de esixir da Xunta de Galicia a declaración de Parque Natural en ampliación do exiguo Parque Natural do Monte Aloia. Outra proposta que lle facemos aos concellos implicados é que actualicen nos seus PXOUM os novos BIC (Ben de Interese Cultural) que foron atopados nos últimos traballos de campo por especialistas na materia.

O lema da VI Andaina volve ser "Por un parque natural".

Esperámoste o domingo 4 de outubro en Prado (Morgadáns- Gondomar) ás 10.30 horas.


O principio da Andaina, haberá a actuación dos Gaiteiros de Morgadáns.

Ao remate da andaina haberá:

  • Lectura do manifesto.
  • Actuación musical de Gaiteiros e acordenistas.
  • Actuación musical de Rena Renato.
  • Actuación musical de Mónica de Nut e Luis Martínez.
  • Actuación musical de Orfeón mariñeiro do Berbés.
  • Actuación musical de A Buxaina.

Podes utilizar google maps para chegar á Capela de San Xosé de Prado.

Ou este outro link que explica como chegar desde Vigo.



COMPRA ARTIGOS para colaborar coa plataforma

De cara a financiar as actividades da plataforma e a vindeira andaina deste domingo 4 de outubro, este ano, as persoas encargadas deste menester, decidimos tirar da produción local e da reciclaxe, ámbalas dúas cuestións relacionadas directamente coa sustentabilidade do medio. Asumindo o reto con ilusión, contactamos co obradoiro de costura local “La Canalla” (Vigo) e co fabricante de paraugas “Ezpeleta” (Vigo).

La Canalla confeccionou 20 camisola de manga longa e 30 morrais ou macutos con tecidos reciclados (restos de fabricación).

Ezpeleta preparou 50 paraugas de cara ao vindeiro inverno. Rasgo a destacar: é o único fabricante de paraugas español que continúa producindo en España unha liña de paraugas mantendo os postos de traballo! Dado os precios deses paraugas non é posible que sexan os que a plataforma vai vender.

Informamos, tamén, que “La Canalla” vai montar un taller “nómada” en Prado o día da andaina. Quen queira pode levar algunha prenda para coserlle o logo da plataforma, o que se fará por un módico precio.

Estes artigos se venderán o comezo e remate da VI Andaina.


Esperámoste !!!