http://www.salvemosmonteferro.org
Monteferro, 13 de Xunio de 2013:




Este PXOM, así NON !!!





Salvemos Monteferro convoca aos seus soci@s e simpatizantes á concentración que terá lugar hoxe xoves ás 18:30 h. diante do concello de Nigrán, en protesta pola intención do goberno municipal de levar a pleno extraordinario a aprobación inicial do PXOM de Nigrán, sin que os colectivos veciñais e as veciñas e veciños do municipio tiveran tempo material para revisar mínimamente o documento.

Tamén facemos un chamamento mañá venres 14 ás 10:00 para asistir a dito pleno extraordinario.


O goberno de Nigrán afirmou onte que o pleno para a aprobación inicial do PXOM tería lugar mañá venres, aínda que o documento leva menos dunha semana colgado da web do concello de Nigrán, e as plataformas veciñais e as veciñas e veciños non tiveron tempo material para revisar prácticamente nada.

O señor Alcalde fixo oídos xordos ás reiteradas peticións dos representantes da veciñanza, inventouse aquilo de convocar ao Consello Sectorial por parroquias, cando sabe perfectamente que se trata dun órgano unitario e indivisible que non pode ser convocado por separado, e mantivo na máis absoluta desinformación a este importantísimo órgano, trascendental para a elaboración do Plan Xeral.

Agora, en sesión extraordinaria, pretende aprobar por urxencia un PXOM que só coñece un reducidísimo número de persoas. Estas prácticas rememoran o acontecido no ano 2006, cando o daquela alcalde, Alfredo Rodríguez Millares, intentou aprobar tamén apresuradamente un documento cuxo final todas e todos lembramos.


A pasada semana, o señor Alcalde pasou polas parroquias alabando as bondades do documento, asegurando que ningunha casa do municipio sería derrubada, que o vial era unha simple reserva de solo, que non vai ser de 4 carrís como está proxectado si non de 2, ainda que a afectación é de 30 metros e que non se sabe cal será o trazado final nin cando se fará. Eso si, mentras non se resolven todas estas dúbidas os terreos e casas afectadas van ser intocables durante moitos anos. Pero calquera problema, segundo o Sr. Alcalde, se resolverá no período de alegacións que "enriquecerá" o plan. Volve o porto deportivo en Panxón en contra dos mariñeiros, aparecen SUDs (solo urbano a desenvolver) de superficies inasumibles. Nova taxa municipal para soportar o PXOM. Resumindo: todo é perfecto.

En Salvemos Monteferro preguntámonos a que ven, logo, tanta urxencia e tanta présa? Non temos dereito as veciñas e veciños de Nigrán a estudar o documento? Que vai cambiar por aprobar inicialmente este PXOM o venres ou dentro de dous meses? Hai algo que non nos contou nas charlas da semana pasada, señor Alcalde? Hai algo certo no que nos contou? Non teña tanta présa, as présas nunca son boas...

Os informes dos técnicos municipais sembran moitas dúbidas sobre a viabilidade do PXOM.

    O informe do interventor municipal é demoledor cando fala da viabilidade económica do Plan. Di nas súas conclusións:

  • (...) Coa finalidade de acreditar e garantir obxectiva, documental e plenamente a viabilidade económica e financieira do PXOM de Nigrán, e por seguridade xurídica (urbanistica, económica, orzamentaria, contable, tributaria, patrimonial, e financieira) tanto o "Documento VI. Estratexia de actuación e estudo económico" como a "Memoria de sostibilidade económica" incluida no "Documento I-B. Memoria xustificativa" do PXOM deberían ser reelaborados na súa práctica totalidade para adaptalos plenamente á Lei e ao Dereito antes de someter o PXOM ao Concello Pleno para a súa aprobación inicial.
  • (...) De non proceder consonte ao indicado e ser aprobado inicialmente o PXOM de Nigrán co contido do "Documento VI. Estratexia de actuación e estudo económico" así como da "Memoria de sostibilidade económica" incluida no "Documento I-B. Memoria xustificativa", recibidos no Concello de Nigrán o día 29.04.13 (rexistro de entrada número 5.352) e o día 8.05.13 (rexistro de entrada número 5.879) poderianse producir quebrantos económicamente evaluables e legalmente improcedentes á facenda do Concello de Nigrán; con posibles repercusións legais de diverso tipo que poderian dar lugar a responsabilidades contractuais, administrativas, contables e/ou penais que no seu caso procederan conforne a Dereito; responsabilidades reguladas, entre outras normas, na LCSP, no TRRL, na LRBRL, no ROF, na LXO, na LOT, na LFTC, e no CP.

Tamén cando fala da nova taxa municipal:

  • É improcedente o indicado no apartados 5.2.9 ("Actuacións futuras desenvolvidas polo Concello") e 5.3 ("Conclusións") do ("Documento VI. Estratexia de actuación e estudo económico); con respecto á proposta de "Estimar o cobro do 30% do gasto" e á "Creación dunha nova taxa municipal para o desenvolvemento do novo Plan" (...)

O informe da enxeñeira municipal evidencia claramente graves deficiencias nos planos que recollen as redes de saneamento e electricidade. Non existen planos das redes de gas natural nin das redes de telecomunicacións.



Salvemos Monteferro pide encarecidamente ao goberno de Nigrán que non leve adiante esta convocatoria de pleno. Pedimos máis tempo para o estudo do PXOM. O Sr. Alcalde sabe que é materialmente imposible, mesmo dispoñendo de medios técnicos e asesoramento técnico e legal, levar adiante o estudo do PXOM nunha semana. Esiximos que antes da aprobación inicial se convoque ao Consello Sectorial como é a obriga do Sr. Alcalde, que poña a disposición dos membros do Consello Sectorial aos técnicos do equipo redactor e municipais para solventar as dúbidas que poidan xurdir e que se realmente confía, como dixo polas parroquias, na excelencia deste PXOM, non ten por que ter esta inusitada présa para a súa aprobación inicial.



14 colectivos, todos integrantes do Consello Sectorial de Nigrán, enviamos esta nota de prensa.

Comentarios actuais

0 comentarios até agora (pon o teu)

Deixe o seu comentario:

Autor:

E-Mail:

URL:

Comentario:


 


Teclee estes caracteres:

 

Nota: As contas de Email non serán visibles e usaranse só para validar o seu comentario. Manteña as formas. Calqueira comentario insultante, inapropiado ou ofensivo será eliminado.

Non se permite código HTML. Os saltos de liña serán convertidos automaticamente. Por favor, utilice BBCode para formatear o seu texto.