http://www.salvemosmonteferro.org
Monteferro, 20 de novembro de 2020:




MANIFESTO de oposición aos parques eólicos das Serras da Groba e do Galiñeiro



Máis de 60 colectivos responderon ó chamamento do Instituto de Estudos Miñoráns (IEM) para manifestar a súa oposición á instalación dos parques eólicos das Serras da Groba e do Galiñeiro.

A instalación masiva de parques eólicos por toda Galicia está a levantar moita oposición social e o Val de Miñor non é unha excepción.

Nos últimos meses, as grandes empresas do sector eólico retomaron a tramitación e desenvolvemento das infraestruturas eólicas impulsadas pola Xunta de Galicia. Na Serra da Groba está prevista a instalación de 44 aeroxeradores e na do Galiñeiro 13.



MANIFESTO

Os colectivos abaixo asinantes manifestan a súa oposición á instalación dos parques eólicos que a Xunta de Galicia está a promover nas serras do Galiñeiro e da Groba.

Recentemente instaláronse na Chan da Gabiñeira e no alto da Groba senllas estacións meteorolóxicas co obxectivo de avanzar no proceso de instalación dun gran parque eólico. Na serra da Groba proxéctanse 44 aeroxeradores, 4 subestacións eléctricas e 5 estacións meteorolóxicas repartidos en 6 miniparques eólicos (2 en fase de tramitación e 4 de nova solicitude) que se ubicarán nos concellos de Baiona, Oia, O Rosal e Tomiño. No Galiñeiro, en fase de tramitación, proxéctanse 13 aeroxeradores.

Estes aeroxeradores, de 2,5 ou 3 MW, de 175 m de altura cambiarán para sempre a paisaxe das serras do Galiñeiro e da Groba e dos seus arredores.

As serras do Galiñeiro e da Groba constitúen espazo natural de vital relevancia na área do sur de Pontevedra volcada nunha intensa actividade turística que, atraída polas características do seu entorno, triplica a súa poboación no verán. Esta gran presión antrópica pon en valor o Galiñeiro e a Groba como espazos que necesariamente deben contribuir á sostibilidade do territorio a través dos servizos ecosistémicos que ofrece. O Galiñeiro e a Groba atraen diariamente a miles de persoas que buscan o disfrute dos seus valores medioambientais, patrimoniais e paisaxísticos. A instalación dos parques eólicos conleva graves e irreparables afeccións á paisaxe, movementos de terras para a nova construción e ampliación de pistas de acceso, dotándoas de anchura abonda e modificando o radio das curvas para posibilitar o tráfico dos voluminosos vehículos e transportes necesarios e excavacións para as cimentacións dos aeroxeradores de 25x25x3 metros e quilómetros de gabias para soterrar as liñas de evacuación da electricidade producida. Estes importantes movementos de terras alterarán tanto os cursos fluviais en superficie como os subterráneos e xerarán unha gran cantidade de sedimentos como xa se teñen producido noutras grandes obras civís no Val de Miñor.

Pero os graves impactos medioambientais tamén se producen unha vez que os aeroxeradores deixan de funcionar. A partir dun aeroxerador en desuso, tanto o fuste como a cabina conteñen materiais reciclables nun 85%, porén as pas, feitas con fibra de carbono, fibra de vidro e resinas non se poden reciclar. Tan só nunha escasa porcentaxe dos casos estes materiais poden reutilizarse ou reciclarse por métodos moi costosos tanto económica como ambientalmente. A opción maioritaria para as pas en desuso é o seu soterramento e vertedoiros, pois non existe na actualidade ningunha normativa europea que regule a súa eliminación. Estímase que a vida media dos aeroxeradores é de en torno a 20-25 anos e foi a partir de 1997 cando se puxeron en marcha os primeiros parques eólicos en Galicia, polo que xa empezan a cegar ó final da súa vida útil.

As serras do Galiñeiro e da Groba dan acubillo a unha importante comunidade de especies animais e vexetais e hábitats, moitos deles figuran no Catálogo Galego de especies ameazadas e na Directiva Hábitat, que a administración ten a obriga de protexer e conservar tal e como xa foi recollido na proposta de ampliación da Rede Natura en 2011, onde se solicitaba a declaración do LIC da Serra da Groba e monte da Valga (ES1140018). Daquela, a Xunta de Galicia non considerou prioritario a protección deste espazo. Estas comunidades de seres vivos e os seus hábitats veranse severamente afectados tanto na fase de execución como nas fases de explotación e desmantelamento dos parques eólicos. Por outra banda, os montes das serras da Groba e do Galiñeiro poden e deben xogar un importante papel como sumidoiros de CO2 tal e como se está levando a cabo nalgúns proxectos actuais. A instalación dos parques eólicos limita o desenvolvemento forestal na súa contorna.

Os valores patrimoniais e etnográficos da serra da Groba son innegables. A existencia de numerosísimos xacementos arqueolóxicos, moitos deles catalogados, pero outros moitos aínda sen catalogar, veranse afectados polo desenvolvemento das infraestruturas eólicas necesarias.

Pero, polo que quizá se coñece o Galiñeiro e a Groba é por albergar a que posiblemente é a poboación de cabalos salvaxes máis antiga do mundo. Ó redor de 1500 garranos desenvólvese unha importantísima actividade cultural única no mundo cunha fonda tradición e pegada etnográfica. Os curros atraen miles de visitantes para gozar do contacto coa tradición, a natureza e a paisaxe.

A pesar dos numerosos valores que agochan as Serras do Galiñeiro e da Groba, na actualidade non gozan de ningunha figura de protección. Esta lamentable situación ven a sumarse a unha realidade que pon de manifesto o verdadeiro interés que as administracións públicas teñen pola conservación do patrimonio natural. Mentres que no conxunto do estado español o 27% da superficie atópase dentro dos espazos de Rede Natura 2000, Galicia atópase á cola das comunidades con menos superficie protexida, con tan só un 11,97%, a moita distancia da penúltima (País Vasco) con 20,90%.


O modelo enerxético actual non favorece os intereses e necesidades da cidadanía

Un modelo enerxético que favorece ás multinacionais e perxudica á cidadanía

Os últimos datos de 2017 poñen de manifesto que Galicia non é unha potencia enerxética xa que non dispón de suficientes recursos enerxéticos para cubrir a súa demanda. Porén, en Galicia lévase a cabo unha importante actividade de transformación enerxética a partir de recursos importados dentro do contexto do estado español que supuxo o 10% de todos os recursos enerxéticos transformados en España.

En termos de enerxía eléctrica, en 2017, Galicia producíu 31.532 GWh, unha cantidade de electricidade moi superior á consumida (18.918 GWh). De toda a enerxía eléctrica producida a partir de fontes de enerxía renovables o 64,88% procedeu dos eólicos, sobrepasando o obxectivo do 50% para 2020. Pola contra, tan só o 0,68% procede da enerxía solar. Galicia exporta gran parte da electricidade que produce ó resto de España.

Para comprender a dimensión desta situación, tomando os datos das propias empresas eléctricas, un aeroxerador de 2MW abastece de electricidade a 6.000 habitantes ou o que é o mesmo a 1.500 fogares (4 persoas por fogar). En 2019 a poboación do Baiona, Gondomar, Baiona, Oia, O Rosal, Tomiño e A Guarda era de 77.000 habitantes. Para abastecer de electricidade a esta población serían necesarios 13 aeroxeradores de 2 MW e tan só 7 de 3 MW. Tan só na Serra da Groba vanse instalar 44!

Galicia está xogando un papel destacado, dentro España, como un territorio que abastece de enerxía ó resto do estado e soportando un sector enerxético cun elevado impacto medioambiental. Entre 1940 e 1970 desenvolvéronse a maioría dos encoros hidroeléctricos, nos anos 60 a refinaría de petróleo de A Coruña – Arteixo, na década dos 70 as centrais térmicas de Meirama e As Pontes, en 2002 a regasificadora de Ferrol e dende 1995 160 parques eólicos con máis de 4000 aeroxeradores repartidos por 106 concellos.

Mentres que outros países europeos promoven o autoconsumo e a produción de enerxía nos domicilios, favorecendo o desenvolvemento da enerxía solar en países como Alemaña, que produciu cinco veces máis enerxía solar que todo o Estado español, en España óptase por un modelo de produción de enerxía controlado por grandes multinacionais, en moitos casos de capital estranxeiro, que lles xenera grandes beneficios económicos mentres que a cidadanía española é a terceira de Europa en pagar a electricidade máis cara, por detrás de Irlanda e Bélxica (datos de 2019).

Pingües beneficios económicos para a cidadanía

O lobby eólico defende a instalación de parques eólicos en base ós beneficios económicos que se xeneran para os concellos que albergan as infraestruturas eólicas. Isto non é certo. Tal e como recolle o Observatorio Eólico de Galicia (OEGA), dende o ano 1995 en que se produciu o boom da instalación de parques eólicos, o 98% dos parques eólicos de Galicia sitúanse en concellos rurais nos que a súa instalación non supuxo nin a fixación de poboación, nin a promoción de emprego nin a mellora significativa do servizo eléctrico nin dos custes da electricidade. Todo isto a pesar de que un dos obxectivos prioritarios do Plan Sectorial Eólico de Galicia é “Promover o desenvolvemento económico e social sobre todo nos territorios concretos en que se implante”. Dos 106 concellos onde se atopan 4.026 aeroxeradores en toda Galicia, analizouse o incremento poboacional en 56 concellos (incluíndo as cabezas de comarca) nos que se atopan instalados 2.749 aeroxeradores. 50 destes concellos perderon un promedio do 28% da súa poboación dende 1996 ó 2020.

Na actualidade o buque insignia da industria eólica en Galicia, a factoría de Siemens Gamesa referente na fabricación de pas para aeroxeradores instalada no concello d’As Somozas, está en plena crise. Anuncia o despedimento de 52 traballadores/-as e a rebaixa da súa produción semanal de pas: de nove a catro. A propia empresa explica que “todos os escenarios son posibles, mesmo o peche definitivo por cesamento da actividade”.

O rural de Galicia desaparece, morre.

Tal e como indica o OEGA no seu informe de 2019: o nivel de xustiza enerxética supuxo a perda de oportunidades significativas para transformar a dinámica económica e social das zonas rurais e para contribuír á converxencia das comunidades rurais máis desfavorecidas cos niveis de vida existentes noutros territorios. Os habitantes e os concellos da serra da Groba non van ser a excepción.

Burla de lei

Para evitar a complexa tramitación dun parque eólico de potencia superior a 30 MW, na serra da Groba proxéctanse instalar 6 miniparques eólicos que non superen os 30 MW. Esta subdivisión do parque en unidades de menos de 30 MW simplifica a tramitación e ademais non fai necesario unha Avaliación Ambiental Estratéxica (AAE/AIA) obrigatoria para todos os plans e proxectos de carácter supramunicipal tal e como establecen as directivas europeas. A subdivisión dos parques nestas unidades máis pequenas constitúe claramente unha burla de lei que vulnera as directivas europeas e dificulta a participación pública da cidadanía na tramitación destes parques.

Aposta por unha verdadeira transición energética e a conservación do patrimonio

Opoñémonos á industrialización masiva dos espazos naturais públicos. Opoñémonos á instalación masiva de parques eólicos. Opoñémonos á instalación dos parques eólicos das serras do Galiñeiro e da Groba.

Propoñemos e defendemos unha verdadeira transición enerxética sostible e harmónica, que teña en conta as singularidades de cada territorio, que aposte polo autoconsumo e o desenvolvemento da enerxía solar térmica e fotovoltáica, que promova o consumo responsable de enerxía, que aposte por reducir a mobilidade individual e promova a mobilidade colectiva, tal e como se está a facer nos demais países da UE. Pero, ante todo, que sexa xusta coa cidadanía. Somos conscientes que toda acción humana supón un efecto medioambiental pero estes efectos deben ser convenientemente avaliados e minimizados co obxectivo de garantir a sostibilidade da produción e consumo enerxético.

Reclamamos das administracións o establecemento de figuras de protección de garantan a conservación do patrimonio natural, como daclarar espazos de Rede Natura 2000 as Serras do Galiñeiro e da Groba.



  • Instituto de Estudos Miñoráns (IEM)
  • SOS Serra da Groba
  • Salvemos Monteferro
  • Asociaión Naturalista do Baixo Miño (ANABAM)
  • Asociación Herpetológica Española
  • Plataforma pola protección da Serra do Galiñeiro
    • A Ría Non se Vende
    • A.C. Berra Val Miñor
    • AA.VV. e Cultural Casco Vello
    • ADEGA
    • AGA Asoc.Galega Apicultura
    • Amigos da Terra
    • Asoc.”ViaxaMos no tempo”
    • Asoc.Permacultura “Eiras de Miño”
    • Asoc.Trece Catorce
    • Asoc.Veciños de Chenlo
    • Asoc.Veciños de Valladares
    • Asoc.Veciños de Vincios
    • Asociación A Groba
    • Asociación Cultural Pedraghullo
    • Asociación Mundo Minero
    • Bembribe: Pena Cabalaria
    • C.C. As Pedriñas
    • C.M.V.M.C. de Chaín
    • C.M.V.M.C. de Couso
    • C.M.V.M.C. de Valadares
    • C.M.V.M.C. de Vincios
    • C.M.V.M.C. de Zamáns
    • C.S. A Revolta
    • C.S. Lume
    • Club Escalada Montaña Azimut
    • Club Montañeiros Celtas
    • Club Peña Trevinca M.G.
    • Clube de Montaña Xistra
    • Clube Espeleolóxico Mauxo
    • CS A Faisca
    • Escalada Sostenible Galicia
    • Federación AA.VV. Eduardo Chao – Vigo
    • Federación Galega Montañismo
    • Grupo de Montaña Alud
    • Instituto de Estudos Miñoranos
    • Outro vigo é posible
    • Plataforma Defensa da Ría Cíes
    • Salvemos Monteferro
    • SOS Serra da Groba
    • Verdegaia
  • A Ría Non de Vende
    • Agrupaçom de montanha Augas Limpas
    • Asociación Cultural Berra Val Miñor
    • Asociación Treze Catorze
    • Bouzas Móvete
    • C. S. A Revolta
    • C.S. A Faisca
    • C.V. contra a Macrodepuradora do Lagares
    • Caleidoskopio
    • Clube Espeleolóxico Mauxo
    • Colectivo Xogo Descuberto
    • Foro Social de Cangas
    • G.A.S. Vigo
    • OAR Redondela
    • Plataforma Cidadá de Redondela
    • Plataforma Defende Mos
    • Salvemos Monteferro
    • Salvemos O Salgueirón
    • SOS Serra da Groba
    • Verdegaia
    • Voces polo Litoral de Teis

Comentarios actuais

1 comentarios até agora (pon o teu)

Oposición parques eolicos serra da groba

Autor: Blanca o Xoves, 13.01.22 @ 21:38pm | #163

Deixe o seu comentario:

Autor:

E-Mail:

URL:

Comentario:


 


Teclee estes caracteres:

 

Nota: As contas de Email non serán visibles e usaranse só para validar o seu comentario. Manteña as formas. Calqueira comentario insultante, inapropiado ou ofensivo será eliminado.

Non se permite código HTML. Os saltos de liña serán convertidos automaticamente. Por favor, utilice BBCode para formatear o seu texto.