Os conxurados
No centro de Europa están conspirando.
O feito data de 1291.
Trátase de homes de diversas estirpes, que profesan diversas relixións e que falan en diversos idiomas.
Tomaron a estraña resolución de ser razoables.
Resolveron esquecer as súas diferenzas e acentuar as súas afinidades.
Foron soldados da Confederación e logo mercenarios, porque eran pobres e tiñan o costume da guerra e non ignoraban que todas as empresas do home son igualmente vás.
Foron Winkelried, que se crava no peito as lanzas inimigas para que os seus camaradas avancen.
Son un cirurxián, un pastor ou un procurador, pero tamén son Paracelso e Amiel e Jung e Paul Klee.
No centro de Europa, nas terras altas de Europa, medra unha torre de razón e de firme fe.
Os cantóns son agora vintedous. O de Xenebra, o último, é unha das miñas patrias.
Mañá serán todo o planeta.
Poida que o que digo non sexa verdadeiro, oxalá sexa profético.
|
Quero comezar así, coas palabras de outro, do gran Borges, do último Borges, porque, cando me encargaron a fermosa tarefa de glosar a xesta de Monteferro, esta apaixonada defensa da natureza a través do uso da Rede, deseguida pensei nos homes e mulleres estrañamente razoables que deberían traballar na súa urdime.
Que exista a plataforma Salvemos Monteferro, que consiga vitorias, como un pequeno David fronte ao Goliat liberal, é, realmente, un pequeno milagre que dá sentido á profecía borgiana. Hai algo profundamente revolucionario en todo este esforzo, escóitase de fondo a voz dos conxurados, que se resisten á estupidez humana, que deciden pensar e actuar con sentido; co sentido común que dicta a necesidade de preservar a beleza, de estiñar as feridas da paisaxe, de respectar, en suma, a vida.
Quen se interne na web á que hoxe outorgamos o V Premio Nano Cambeiro de Xornalismo, atopará un compromiso radical e colectivo.
Hoxe en día, arrumbadas xa as ideoloxías, a loita pola conservación da biodiversidade é, probablemente, unha das vías máis honestas e posibles que nos quedan para dicir NON, para atreverse a cuestionar profundamente o modelo de sociedade no que estamos. A páxina web, e a plataforma da que é emblema, reborda liberdade e risco. Apréndenos a ver doutro xeito o noso contorno, os lugares onde a cotío pousamos a mirada. Tan resignados estamos, tan embrutecidos, que moitas veces deixamos de percibir as lentas coiteladas á paisaxe. De modo inconsciente, tendemos a asumir con excesiva mansedume as feridas abertas pola lóxica cega do mercado. O labor deste colectivo é extraordinario, por canto axuda a desvendar a nosa ollada. Pon nome á desfeita, á devastación, indígnase, alporízase e, curiosamente, conserva o riso e a alegría. Extraordinariamente razoables son, sen dúbida, estes homes e mulleres.
Monteferro é un lugar con aura, cun poder magnético. Eu visitábao a miúdo na miña infancia, gozaba intensamente da súa beleza, e, por iso, está marcado no mapa da miña educación sentimental como un lugar sagrado.
Transcorridos os anos, Monteferro resiste aínda. Logo de tantas desfeitas urbanísticas, esta paraxe costeira aínda pode exhibir espazos naturais liberados da lacra do cemento e do tixolo. É unha excepción, unha rareza na banda sur da ría.
Que isto sexa así, que a beleza resista, debémosllo á vontade e ao esforzo de cidadáns e cidadás conscientes. No 2006 unha serie de homes e mulleres comezaron a dicir NON. A decisión de urbanizar o monte por parte do concello de Nigrán actuou como ferrete para que nacese por fin unha protesta organizada e sistemática ante a barbarie. Con rapidez, con intelixencia, as voces iradas crearon unha plataforma e unha páxina web que é hoxe un referente. 10.000 sinaturas recollidas contra o proxecto, 40.000 visitas na rede. Había sede de xustiza coa natureza e atopou unha canle preciosa, a da organización Salvemos Monteferro. David derrotou a Goliat. En 2007 conseguiron que as autoridades desistiran do seu empeño en lixar a pel do monte co engrudo do asfalto.
Aquel feito puntual, foi un xermolo. Fixo patente a necesidade dunha voz armada. Así pois, hoxe en día a plataforma e a web medran, teñen todo o futuro, son xa imprescindibles na nosa sociedade. Aquí están, no Sur, na nosa ría, e abren liñas de combate coas que calquera ser humano de ben debería solidarizarse: os xigantescos esqueletos de metal do proxecto do parque eólico da Serra da Groba, o deserto industrial que nace no Porto do Molle, as cortas ilegais de arborado en Monteferro...
Hai algo, nesta iniciativa de loita contra as desfeitas do noso medio, radicalmente novo. Trátase dunha nova maneira de organizar, de comunicar, de chamar ao activismo. A rede é aproveitada tanto para difundir como para establecer relacións non xerárquicas con outros colectivos. Trátase, por primeira vez no noso contorno, de establecer un verdadeiro traballo en liña que xera un impresionante tecido asociativo. Así é posible a creación dunha fronte común como a de A ría non se vende, que está pelexando pola eliminación de quince puntos negros da Ría de Vigo e que consegue xa unhas importantísimas cifras de mobilización cidadá. Como se se tratase dun xogo de caixas chinesas esta, á súa vez, está integrada na plataforma máis ampla de >Galiza non se vende.
Logo de case dúas décadas de internet comezamos xa a ver de xeito palpable as posibilidades que as novas tecnoloxías ofrecen para mellorar o noso mundo. Salvemos Monteferro.org é unha peza valiosísima, realizada cun grande atractivo visual, actualizada constantemente, chea de acenos ironicamente esperanzados. Salvemos Monteferro.org é a proba de que a acción en rede pode axudar a salvarnos, cumprindo a profecía que imaxinaba unha torre de razón e de firme fe medrando nas entrañas de Europa.
Grazas por tanto esforzo, por tanta esperanza.
|