O Concello de Nigrán aprobou provisionalmente o seu Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) o pasado 1 de xullo de 2026, culminando un proceso de 19 anos de tramitación. A Asociación de Defensa Medioambiental Salvemos Monteferro, membro do Consello Sectorial do PXOM, non pode pronunciarse sobre o contido do documento por unha razón fundamental: non ten acceso a el. Esta aprobación, realizada desta forma, tapa os ollos da cidadanía, que non puido expresar en forma de alegación a súa opinión libre sobre un plan que ordenará o seu territorio durante as próximas décadas. A opinión da cidadanía ou non lle importa ao equipo de goberno, ou directamente molesta coñecela.
* * *
O que o Concello non publicou
O Concello publicou na súa sede electrónica unha selección de documentos do PXOM que inclúe planos de ordenación, fichas de ámbitos e normativa urbanística. Porén, a documentación esencial para comprender e avaliar o plan está ausente:
Documentación que o Concello de Nigrán NON publicou:
- — Memoria xustificativa e descritiva do plan
- — Estudo ambiental estratéxico
- — Memoria ambiental
- — Estratexia de actuación e estudo económico
- — Informe de sustentabilidade económica
- — Informe de participación pública e consultas
- — Informes sectoriais preceptivos (Axencia Galega de Infraestruturas, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Costas do Estado, Augas de Galicia e demais)
- — Informes técnicos municipais (TAX, Interventora Xeral, Enxeñeira municipal, Arquitecto municipal)
Poderíase pensar que estes documentos son os mesmos que se publicaron co PXOM de 2013, pero iso é imposible. Entre ambos documentos existen numerosísimas diferenzas nos planos de ordenación. Un PXOM que modifica de forma tan significativa a ordenación do territorio non pode manter sen alteracións as súas memorias, estudos ambientais nin bases económicas. Os documentos que xustifican e explican as decisións de ordenación teñen que ser distintos, e a cidadanía ten dereito a coñecelos.
Esta documentación debería ter estado accesible con tempo suficiente para que os veciños e veciñas de Nigrán puidesen examinala antes da aprobación provisional do 1 de xullo de 2026, tal e como estivo o documento de 2013 durante o seu período de exposición pública.
* * *
Sen memorias, os planos son papel mollado
Sen a documentación citada, un veciño ou veciña de Nigrán que consulte a sede electrónica do Concello atópase ante planos e fichas técnicas que non pode interpretar sen as memorias que os explican. Non pode saber por que se tomaron as decisións de ordenación, nin con que criterios ambientais, nin con que base económica. Non pode verificar se Monteferro está suficientemente protexido, se a marisma da Ramallosa ten o tratamento que merece, se os núcleos rurais do interior están ben servidos, nin se as previsións de crecemento son sostibles. Sen documentación completa, os planos son papel mollado.
* * *
Un procedemento de participación viciado desde a orixe
Mais a falta de documentación non é o único problema procedimental. A única reunión do Consello Sectorial do PXOM convocada polo actual goberno municipal con relevancia para esta aprobación provisional celebrouse o 25 de xuño de 2026, con apenas seis días naturais de antelación e con festivos polo medio, para revisar un documento de varios centos de páxinas. A convocatoria foi ademais sesgada: esta asociación, membro nato do Consello Sectorial, non foi notificada, e consta que outras asociacións membros tampouco o foron. Durante eses días, a web do Concello de Nigrán aparecía caída, imposibilitando o acceso ao documento.
Salvemos Monteferro presentou dous escritos formais de alegacións no rexistro do Concello, con datas do 25 e do 27 de xuño de 2026, denunciando estas irregularidades e solicitando a paralización do procedemento. Ambos foron ignorados polo goberno municipal, que procedeu á aprobación provisional sen responder nin subsanar nada.
* * *
O alcalde que denunciaba o "oscurantismo" vai hoxe moito máis lonxe
Esta actuación resulta especialmente significativa á vista das posicións públicas do actual alcalde, Juan Antonio González Pérez, durante a súa etapa como portavoz da oposición socialista.
En maio de 2012, desde a oposición, en declaracións ao Faro de Vigo, o Sr. González Pérez lamentaba que o goberno do PP tivese "finiquitado" o Consello Sectorial do PXOM e advertía que o PSOE non sería "cómplice" dun PXOM tramitado ignorando a participación cidadá. No Pleno do 14 de xuño de 2013, tamén desde a oposición, declaraba literalmente: "Transparencia e participación son as máximas. Agora o goberno apártase do acordado no Consello Sectorial".
Catorce anos despois, e desde a Alcaldía, o Sr. González Pérez non só reproduciu o patrón que criticaba, senón que foi considerablemente máis lonxe: aprobou un PXOM sen publicar os informes técnicos que o sustentan, sen convocar oficial e regularmente o Consello Sectorial durante máis dunha década, sen permitir a participación cidadá real na elaboración do plan, e sen dar á cidadanía tempo nin documentación suficiente para examinar o documento.
* * *
Tras 19 anos de tramitación, urxencia de seis días
Resulta paradóxico que, tras 19 anos de tramitación e 11 de goberno socialista, o alcalde convocara o Consello Sectorial con seis días de antelación para revisar varios centos de páxinas, e que o Pleno de aprobación provisional se celebrase apenas seis días despois desa reunión, sen dar á cidadanía tempo nin documentación completa para pronunciarse.
* * *
Nin a favor nin en contra: sen información non hai opinión posible
Salvemos Monteferro non pode apoiar nin rexeitar este PXOM porque non coñece o documento completo. Non é posible formarse unha opinión sobre algo gardado na caixa forte dun concello. Por iso, antes de calquera valoración sobre o contido do plan, esiximos a publicación íntegra e inmediata de toda a documentación descrita anteriormente.
* * *
Chamamento á Xunta: cambio substancial e dereito de alegación
Coñecer a documentación completa, aínda que xa non permita alegar directamente ante o Concello, é imprescindible para que a cidadanía poida pronunciarse ante a Xunta de Galicia, que aínda debe aprobar definitivamente o plan, e para poder exercer as accións legais que correspondan. Tapar os ollos da cidadanía non remata coa aprobación provisional: continúa mentres o expediente segue vivo.
Salvemos Monteferro fai un chamamento á Xunta de Galicia, administración competente para a aprobación definitiva do PXOM, para que verifique se as modificacións introducidas entre a aprobación inicial de 2013 e a provisional de 2026 constitúen un cambio substancial do documento, tal e como define a lexislación urbanística galega.
A eliminación do vial A Xunqueira-Saiáns, eixo estruturante Norte-Sur grafado no plano de Estrutura Xeral e Orgánica do Territorio, xera cambios profundos na ordenación do municipio que afectan a todos os veciños e veciñas, estean a favor ou en contra da súa retirada. Un cambio desta natureza e magnitude na estrutura xeral do territorio esixe legalmente nova exposición pública, para que cada cidadán poida pronunciarse sobre as consecuencias reais que implica. E non é o único cambio: os planos publicados mostran numerosísimas diferenzas respecto ao documento de 2013.
A retirada do vial implica ademais a recalificación dos terreos que ocupaba. E dado que os ratios globais de tipos de solo no municipio se manteñen similares aos de 2013, esa recalificación tivo que compensarse con cambios noutros terreos. Isto significa que moitos veciños e veciñas que alegaron en 2013 sobre a cualificación concreta das súas parcelas poden atoparse agora con que esa cualificación cambiou, sen que puidesen pronunciarse sobre ese cambio. O dereito de alegación é irrenunciable, e non pode exercerse sobre algo que non se coñece.
O Pleno do 29 de xullo de 2010 aprobou por unanimidade a totalidade das propostas do Consello Sectorial, entre elas incrementar a protección de Monteferro respecto á normativa vixente. Sen acceso á documentación completa do PXOM de 2026, ningún veciño nin veciña de Nigrán pode verificar se ese mandato unánime do Pleno, nin calquera das demais propostas aprobadas naquela sesión, foron recollidos no documento que agora se pretende aprobar definitivamente.
De confirmarse ese cambio substancial, a lei obriga a abrir un novo período de exposición pública antes da aprobación definitiva. De facelo, un raio de luz iluminaría os ollos de veciñas e veciños que ven como o seu dereito á participación cidadá nas decisións municipais non pasa de ser un reclamo electoral.
Asociación de Defensa Medioambiental Salvemos Monteferro
* * *
En estes tempos, esixir o cumprimento da legalidade convértese nun acto revolucionario.
Comentarios actuais
1 comentarios até agora (pon o teu)Totalmente de acordo con vós.
Seguide así. Sodes claros e contundentes.
Medo me da saber o que hai detrás deste PXOM, escondido polo goberno de Nigrán.
Grazas polo voso traballo.
Autor: Gerandy o Mércoles, 8.07.26 @ 12:45pm | #237