http://www.salvemosmonteferro.org
Monteferro, 17 de Marzo de 2011:



MONTEFERRO ESPAZO PROTEXIDO? DEPENDE...







Hai poucos días que o concello de Nigrán, recibía resposta da Xunta de Galicia ás alegacións presentadas ao Plan de Ordenación do Litoral (POL).

O concello reclamaba que Monteferro e Monte Lourido, fosen declarados “Bosques susceptibles de protección”, mais a Xunta entende que:

“amosan a existencia de masas arbóreas compostas principalmente por piñeiros e eucaliptos, motivo polo cal foron incluidas na súa meirande parte dentro da categoría de 'Uso Forestal de Repoboación'”.

O argumento é, cando menos, sorprendente, cando é a propia Consellería de Medio Rural a que aproba o “Plan de Cortas da C.M.V.M.C. de Panxón – Monteferro” e a que subvenciona a plantación de piñeiros e eucaliptos. Por un lado gratificamos a plantación desas especies e, polo outro, desprotexemos o monte porque só ten piñeiros e eucaliptos e carece de especies autóctonas. Abraiante.

No pleno do concello de Nigrán do pasado mércores, día 23 de febreiro, o concelleiro do grupo municipal do PSOE Juan Hermida presentou, por vía de urxencia, senllas mocións (1 e 2) nas que se solicitaba da Xunta de Galicia a máxima protección para a Xunqueira e a Foz do Miñor e mais para Monteferro.

Alegando cuestións procedimentais (entendían que non debian ser presentadas por vía de urxencia), os grupos municipais do PP, UCN e os Non-adscritos (ex-BNG) votaron en contra destas mocións.

Esperamos que as mocións se volvan levar ao pleno ordinario do día 30 de Marzo, para que cada grupo explique as súas razóns tanto a favor como en contra se as houbese. Cabe recordar aquí que o consello sectorial adscrito á Axenda XXI aprobou no seu momento aumentar a protección de Monteferro. Esperemos que os políticos non se posicionen contra a cidadanía

Por outra banda, o Plan Hidrolóxico Galicia-Costa, aprobado no Real Decreto 103/2003 de 24 de Xaneiro, define a Monteferro, xunto as Illas Estelas e as Illas Serralleiras como “Espazo Natural” e como tal ordena:

“As áreas de especial protección serán obxecto de adopción de medidas de prevención, regulación de actividades e saneamento que garante a conservación do recurso, a súa calidade e a máxima riqueza ecolóxica e paisaxística no seu entorno.”


O mapa mostra claramente a Monteferro recoñecido como “Espazo Natural”.

É dicir que, mentras o concello quere que Monteferro sexa “Bosque susceptible de protección”, a Xunta decide calificalo como “Uso forestal de repoboación” e o Plan Hidrolóxico Galicia-Costa elévao a “Espazo Natural”. Quen entende isto?


A costa de Monteferro forma parte da Rede Natura 2000 e é Lugar de Interese Comunitario (LIC) co código: ES1140012 xunto coas Illas Estelas e as Serralleiras. Como figura no propio LIC, Monteferro alberga en canto a flora: “matogueira costeira galaico-portuguesa, pertencente á asociación Cisto salvifolii-Ulicetum humilis", e en canto a fauna: Paporrubio (Erithacus rubecula). Entre a avifauna nidificante, cabe destacar a colonia de gaivota patiamarela (Larus michahellis) (150-200 parellas) e, nos cantís de Monteferro uns dos poucos puntos de nidificación do escaso vencello real (Apus melba) na costa de Galicia (3-5 parellas). Presencia frecuente de aves mariñas durante os pasos migratorios e  invernía, como cormoráns (Phalacrocorax aristotelis e Phalacrocorax carbo), negróns (Melanitta nigra), alcas (Alca torda) e charráns (Sterna spp). No verán e no outono pódense observar bandadas estacionadas de pardelas baleares (Puffinus mauretanicus), endemismo en perigo crítico de extinción.


matogueira costeira galaico-portuguesa
Cisto salvifolii-Ulicetum humilis

Pardelas baleares
Puffinus mauretanicus

Gaivota patiamarela
Larus michahellis

Vencello Real
Apus melba

Cormoráns
Phalacrocorax aristotelis

Negróns
Melanitta nigra

Alcas
Alca torda

Charráns
Sterna spp

Paporrubio
Erithacus rubecula


Monteferro ten tamén un patrimonio arqueolóxico único, destaca no seu extremo occidental a rocha que contén 17/19 muíños naviculares, o número máximo de muíños coñecidos nun mesmo soporte e asociados a podomorfos humanos con indicación dixital e liñas curvas. Xunto a eles outros gravados con coviñas e microcoviñas. Todos eles constatados arqueolóxicamente no fenómeno tumular, IV e III milenio, na Idade do Bronce e na Cultura Castrexa, dende o III milenio ata a súa fusión coa cultura romana, da que tamén temos restos arqueolóxicos no monte.

Por todas estas razóns e por moitas outras que levan no seu corazón todas as persoas que coñecen este espazo natural, Monteferro ten que ser un espazo  protexido.

Pola súa proximidade co Parque Nacional das Illas Atlánticas, e a tendencia a protexer os paraxes próximos aos Parques Nacionais como “Parques Naturais”, entendemos que Monteferro é un candidato idóneo para esta figura de protección

Un país que non protexe o que ten, é un país ignorante que dilapida o seu patrimonio e non garante para as xeracións vindeiras o que nós tivemos a sorte de recoller das xeracións pasadas; praias, monte, cantís e historia, como os que recolle Monteferro, dos que toda a cidadanía podemos gozar. Os criterios que gobernan a elaboración do POL, non poden ser ríxidos, porque cada lugar aporta aspectos diferentes e únicos, como é o caso de Monteferro.

A rede galega de espazos protexidos de Galicia, que no seu 99% é Rede Natura 2000, cubre únicamente o 12% do seu territorio, mentres a media estatal é do 27%. Isto sitúa ao noso país na cola do estado e moi por debaixo de comunidades como Asturias, que protexeu o 33% do seu territorio, ou Madrid, con un 40%.

Pois ben: desde a declaración destes espazos, hai 6 anos, a Xunta de Galicia rexeitou a ampliación da Rede Natura 2000. E tamén eludiu dúas obrigas legais:

  • En primeiro lugar, a elaboración dos Plans de Ordenación de Recursos Naturais (PORN) e dos Plans Rectores de Uso e Gestión (PRUG) destes espazos.

  • En segundo lugar, a declaración definitiva dos Lugares de Interés Comunitario (LIC) da Rede Natura como Zonas Especiais de Conservación.

Ambas obrigas legais son a garantía da protección e a xestión racional da Rede, que serían equivalentes á dun parque natural. O prazo legal para cumprir con ámbalas dúas obrigas remataba a finais do ano pasado, polo que a Xunta de Galicia enfróntase a unha sanción da Unión Europea.

Por todo o anteriormente dito, solicitamos unha vez máis ao Concello de Nigrán, á Xunta de Galicia e ao Goberno Central que tomen as medidas necesarias para protexer Monteferro como Parque Natural ou LIC.




ACTA DA SESION ORDINARIA DO PLENO DO CONCELLO DE NIGRÁN CELEBRADA O 30 DE MARZO DE 2011



Comentarios actuais

8 comentarios até agora (pon o teu)

Espazo protexido XA!
Os nosos netos non nolo perdoarían no futuro, ao ver as fotos da súa regresión cara a un polígono de vivendas.

Saúdos dende o Salnés.

Autor: Manolo o Xoves, 17.03.11 @ 12:44pm | #111

Eles verán o que fan.

As eleccións están ahí.

Eles verán.

Autor: Luisa Barciela o Xoves, 17.03.11 @ 17:50pm | #112

Monteferro Parque Nacional XA !!!!
Monteferro Parque Nacional XA !!!!
Monteferro Parque Nacional XA !!!!
Monteferro Parque Nacional XA !!!!
Monteferro Parque Nacional XA !!!!
Monteferro Parque Nacional XA !!!!

Autor: Lausa Barreiro Vilas o Luns, 21.03.11 @ 10:52am | #113

E logo queren pedirnos o voto. Que os vote a súa nai.

Autor: Jose Luia Vazquez o Luns, 21.03.11 @ 20:07pm | #114

Pero entón Monteferro non é un espazo protexido?

Acábome de enterar, sempre pensei que esa marabilla tiña que estar protexida. Quedo impresionada.

Pois veremos que dicen estes politiquillos o día 30, porque para meu voto é moi importante as súas verbas.

Autor: Andrea López Barrios o Xoves, 24.03.11 @ 12:23pm | #115

¡¡¡ Cuánto mamoneo !!!
Se pensarán que somos idiotas.
Sorpresa se van a llevar en las urnas.

Autor: Felipe o Sábado, 26.03.11 @ 21:18pm | #116

¡Votadme a mi! Paco Rupto

Os prometo hacer lo mismo que estos, pero al menos ya lo digo en campaña. No engaño a nadie.

Autor: Paco Rupto o Luns, 28.03.11 @ 11:57am | #117

E xa están tardando. non é posible que o POL protexa ate Condominguez en Priegue e deixe de lado Lourido e Monteferro. Algo fede neste asunto.

Autor: Vdepandereta o Martes, 5.04.11 @ 06:00am | #118

Deixe o seu comentario:

Autor:

E-Mail:

URL:

Comentario:


 


Teclee estes caracteres:

 

Nota: As contas de Email non serán visibles e usaranse só para validar o seu comentario. Manteña as formas. Calqueira comentario insultante, inapropiado ou ofensivo será eliminado.

Non se permite código HTML. Os saltos de liña serán convertidos automaticamente. Por favor, utilice BBCode para formatear o seu texto.