http://www.salvemosmonteferro.org

Monteferro, 4 de Setembro de 2008:

A Consellería de Medio Ambiente declarará o espazo de Monteferro, en Nigrán, como paisaxe protexida

O conselleiro, Manuel Vázquez, anunciou hoxe o inicio dos trámites tras reunirse coa asociación de montes comunais da zona

A declaración permitirá que Monteferro conte cunha figura legal de protección



Mensaxe de Salvemos Monteferro
a@s nos@s soci@s e amig@s



Queridas compañeiras e compañeiros:

Nun acto celebrado hoxe no Casa do Concello de Nigrán, ao que fomos convidados, o Conselleiro de Medio Ambiente, Manuel Vázquez, anunciou o inicio dos trámites necesarios para dotar a Monteferro dunha figura de protección, concretamente a de “paisaxe protexida”.

Se ben unha nova publicada no pasado mes de xuño fíxonos concibir a esperanza de que Monteferro sería incorporado ao Parque Nacional das Illas Atlánticas, consideramos moi positiva esta cualificación hoxe anunciada.

Aínda que se trata dunha figura de rango sensiblemente inferior, supón unha mellora moi notable na situación xurídica do espazo que desde hai case tres anos defendemos. Lembremos que ate agora só as Normas Subsidiarias do propio concello limitaban os usos e actuacións no monte, protección esa moi feble, como demostrou o intento de urbanización do ano 2005.

Por iso pensamos que a noticia debe ser motivo de ledicia para todas e todos os que, coma ti, temos traballado por salvar Monteferro da especulación... E haberá que celebralo como corresponde.

Pero nada remata aquí. Seguiremos atentos e vixiantes na defensa dese lugar marabilloso e tamén de tantos outros en perigo, tanto no noso Val Miñor como en toda a ría.

Unha forte aperta para tod@s.




LEI 9/2001, DO 21 DE AGOSTO, DE CONSERVACIÓN DA NATUREZA.

Artigo 15.- Paisaxe protexida.

  1. As paisaxes protexidas son espacios que, polos seus valores singulares, estéticos e culturais ou ben pola relación harmoniosa entre o home e o medio natural, sexan merecedores dunha protección especial.
  2. O réxime de protección das paisaxes protexidas estará dirixido expresamente á conservación das relacións e dos procesos, tanto naturais coma socioeconómicos, que contribuíron á súa formación e fan posible o seu mantemento.