![]()
![]() O día 11 de setembro declarouse un incendio intencionado que destruiu por completo o Monte Pindo, Olimpo Celta e monte sacro dos/as nosos/as antergos/as, puxo en perigo vidas e fogares, acabou con explotacións agrogandeiras, e fixo inútil o inxente esforzo de extinción. Este é o paradigma de que os incendios non só teñen a súa orixe no misto que o prende senón en anos e anos de desleixo e políticas desenfocadas, pois non só estamos ante a perda ecolóxica dun dos montes máis emblemáticos do País, senón ante o silencio cómplice dunha administración que desouvíu o berro dos/as milleiros de galegas e galegos que levamos anos esixíndolle á Xunta medidas efectivas de prevención mediante a declaración do Monte Pindo coma Parque Natural. É esta a única figura de protección que permite a participación directa da sociedade na xestión do espazo e compromete un orzamento anual para protexelo e poñelo en valor Esta decisión que dependía da vontade do conselleiro, Agustín Hernández, foi sistematicamente ignorada, provocando que todo polo que levamos tres anos loitando e traballando sexa hoxe un inmenso deserto de cinsa de case 2.500 hectáreas, co gasto inútil de millóns de euros públicos na extinción que nunha mínima parte terían permitido atallar a traxedia. A catástrofe do Monte Pindo certificou o absoluto fracaso dunha política ambiental e de montes que desatendeu por completo a prevención dos lumes nos espazos naturais, rexeitou avances en materia de ordenación, multifuncionalidade, fomento de actividades tradicionais e especies autóctonas, para centrarse en entregar o noso territorio a intereses especulativos e empresas contaminantes, sen esquecer á gran industria pasteiro-enerxética e a forestal que inzaron os nosos montes de especies pirófitas coma o eucalipto ou o piñeiro mais outras como as acacias produto do descontrol na construción de infraestruturas e do propio abandono dos montes como recurso natural. Vítimas destas políticas caeron xa o Monte Pindo, as Fragas do Eume, o Xistral, o Macizo Central, Xurés, Courel, A Limia, Corcoesto..., e ducias de espazos naturais valiosísimos que foron estragados impunemente porque os intereses do goberno galego son distintos aos intereses dos galegos e galegas. ![]() Dase ademais a circunstancia de que o actual executivo decidiu agrupar na mesma área as competencias en infraestruturas, urbanismo e medio ambiente, co que dende o primeiro momento a natureza ficou supeditada aos proxectos mal chamados estratéxicos e aos intereses espúreos e coloniais a nivel urbanístico e industrial, de quenes só lles interesa o lucro e non a terra, a súa bioloxía e os/as seus/suas habitantes. Unha Xunta que se parapeta agora detrás dos pirómanos, para agochar as súas miserias e negar que unha neglixente xestión do monte ten grande parte da culpa de que o lume se convirta nun perpetuo elemento da nosa paisaxe xeográfica e vital. Unha Xunta que ten a desvergoña de afirmar que un espazo natural arde con protección ou sen ela. Unha Xunta que ignora deliberadamente que o monte que arde é aquel improdutivo para a súa veciñanza, o que leva irremediabelmente ao abandono das actividades tradicionais e a picar no engado envelenado dos especuladores sen escrúpulos que chegan cos seus proxectos enerxéticos, mineiros, urbanísticos... buscando un rápido lucro e deixando contaminación e pobreza. A cidadanía galega e as entidades abaixo asinantes, reunímonos este 6 de outubro en Compostela para amosar o noso rexeitamento frontal a esta xestión suicida que ameaza con incendiar o País e reducir a cinsas o futuro dos nosos fillos e fillas. Portanto, ESIXIMOS:
Este día o pobo galego está a falar, e di ben claro que non nos resignamos a ver como un goberno de “patufos/as desleigados/as”, de “pequenos/as mequetrefes sen raíces” fica impasíbel cando non é directamente cómplice da destrución dun territorio que deberían coidar como unha nai, a nosa Matria que nos fixo ser tal e como somos hoxe. CONVOCA: ASOCIACIÓN MONTE PINDO PARQUE NATURAL ![]() |
Comentarios actuais
0 comentarios até agora (pon o teu)