Monteferro, 25 de xullo de 2026:
Recollida de alegacións:

Salvemos Monteferro recolle alegacións ás duas centrais de bombeo reversibles proxectadas na serra da Groba: Fonte das Mañas e Portocelo.

So temos 20 días hábiles para facer alegacións. Os prazos rematan o 12 de agosto para Fonte das Mañas e o 17 de agosto para Portocelo, así que non agardes máis, é urxente!



Salvemos Monteferro recolle alegacións dixitais contra estes dous proxectos que volven a ameazar á serra da Groba.


Imaxe cortesía do IEM/SOS Groba

A empresa conserveira Jealsa, a través da súa filial de enerxías renovables Beltaine Renewable Energy, promove dúas centrais hidroeléctricas reversibles de auga mariña na Serra da Groba: Fonte das Mañas, en Oia, e Portocelo, no Rosal. Ambas funcionan bombeando auga do mar a balsas construídas na parte alta do monte para logo turbinala e xerar electricidade, o que require movementos de terra masivos, escavacións, túneis e a ocupación permanente de dominio público marítimo-terrestre na costa.

Estas centrais necesitan grandes cantidades de enerxía renovable (eólica ou fotovoltaica) para bombear a auga cara arriba. Porén, ningún dos dous proxectos xustifica de onde vai sacar esa enerxía: non din que polígono eólico as vai abastecer nin que liñas de conexión farían falta. E convén lembralo: ata agora, grazas á mobilización de moita xente (veciños e veciñas, concellos, asociacións, comunidades de montes, manifestacións e alegacións, etc), conseguiuse parar todos os proxectos eólicos que se propuxeron na Serra da Groba. Non existe, hoxe, ningúnha fonte de enerxía renovable dispoñible na zona para darlle enerxía sobrante (se a houbera) a estas centrais. Segundo os propios datos técnicos do proxecto, para que cada central funcione con orixe 100% renovable faría falta instalar entre o dobre e case o triplo da súa propia potencia en parques solares e eólicos; e, ao non especificar o proxecto de onde procedería esa enerxía, tampouco se poden descartar perdas de transporte adicionais por distancia, o que faría esa proporción aínda peor.

Ademais, estes dous proxectos non son independentes entre si, malia tramitarse coma tal. Xúntanse ao xa coñecido de Punta Centinela, en Mougas. As tres memorias técnicas (Centinela, Fonte das Mañas e Portocelo) están asinadas polo mesmo enxeñeiro, que ademais foi socio e director xeral doutra empresa enerxética na que o grupo promotor actual ten participación. As sociedades promotoras de Fonte das Mañas e Portocelo constituíronse o mesmo día, co mesmo socio único e o mesmo administrador; os expedientes sométense a información pública con só cinco días de diferenza; as superficies de dominio público que solicitan son practicamente idénticas; e, segundo a documentación técnica dispoñible, a liña de evacuación eléctrica de Portocelo remata na subestación da propia central de Fonte das Mañas (é dicir, Portocelo non tería forma de verter a súa electricidade á rede se Fonte das Mañas non sae adiante). Tramitalos coma proxectos separados, evitando así a avaliación conxunta dos seus efectos acumulativos sobre un territorio de elevado valor ecolóxico, paisaxístico e patrimonial, é unha fragmentación que busca fraudulentamente esquivar esa avaliación conxunta á que a lei obriga.

As consecuencias afectan a cabeceiras hidrográficas completas, ao monte comunal, a estacións de arte rupestre e complexos tumulares aínda pendentes de catalogación, ao Camiño Portugués da Costa e á paisaxe litoral recoñecida polo Plan de Ordenación do Litoral. A franxa costeira onde se executan as obras conta ademais con recoñecemento oficial específico: a propia documentación dos proxectos admite a afección directa á Rede Natura 2000 (ZEPA ES0000554, corredor migratorio galaico-cantábrico), o visor oficial do Ministerio cartografa hábitat mariño 1170 "Arrecifes" moi preto do trazado, e toda esta costa, entre Cabo Silleiro e a desembocadura do Miño, está catalogada polo Instituto Geológico y Minero de España como Lugar de Interese Xeolóxico (GM090), precisamente polo seu valor xeomorfolóxico — o mesmo tipo de valor que as obras van alterar de forma permanente. Son, ademais, transformacións xeomorfolóxicas irreversibles: unha vez feitas as balsas e as escavacións, non hai volta atrás posible..

Ambos os dous proxectos están agora en fase de información pública, o que significa que calquera persoa pode presentar alegacións para que a Administración as teña en conta antes de resolver. Salvemos Monteferro pón a disposición de todas e todos un modelo de alegación dixital para facelo de forma sinxela.

En estes tempos, esixir o cumprimento da legalidade convértese nun acto revolucionario.


Comentarios actuais

7 comentarios até agora (pon o teu)

Moitas grazas por este traballo que facedes. Sempre se pode contar con vós.

Estes proxectos son unha loucura e estragarian a serra sen remedio.

Hai que alegar.

Grazas de novo.

Autor: Gerandy o Sábado, 25.07.26 @ 12:09pm | #238

Volvemos Monteferro

Autor: Antonio Rodríguez Folgar o Luns, 27.07.26 @ 22:24pm | #240

La naturaleza se protege. Basta ya de interés económico!

Autor: virginie Valerie Bolome o Martes, 28.07.26 @ 18:57pm | #241

Este proyecto no se sostiene por sí mismo, la autorización del proyecto especula con que otros proyectos se van autorizar. Es fragmentación de un proyecto gigante y con eso ni creo legal. Galicia tiene su riqueza en su naturaleza, que se pretende destruir con proyectos " green", cuyos beneficios no van la población. La población pierde calidad de vida y se queda con la basura. Una mala práctica no teniendo en cuenta lo suficiente las necesidades de la población. Gracias

Autor: Verena Christine Caroline Engel o Martes, 28.07.26 @ 20:03pm | #242

No a las malas artes políticas en nuestros bonitos entornos. Salvemos Galicia

Autor: Germán o Mércoles, 29.07.26 @ 11:34am | #244

Éste proiecto e un disparate irresponsable e irrespetuoso coa que non respeta ningúnha

Autor: Raimundo Francisco Vidal Moreira rfvmoreira@gmail.com de o Xoves, 30.07.26 @ 07:05am | #245

SALVEMOS OS NOSOS MONTES

Autor: Ana Campos vazquez o Venres, 31.07.26 @ 20:34pm | #246

Deixe o seu comentario:

Autor:

E-Mail:

URL:

Comentario:


 


Teclee estes caracteres:

 

Nota: As contas de Email non serán visibles e usaranse só para validar o seu comentario. Manteña as formas. Calqueira comentario insultante, inapropiado ou ofensivo será eliminado.

Non se permite código HTML. Os saltos de liña serán convertidos automaticamente. Por favor, utilice BBCode para formatear o seu texto.