http://www.salvemosmonteferro.org
Monteferro, 18 de Outubro de 2011:




Comunicado de solidariedade de Salvemos Monteferro coa loita contra ENCE-ELNOSA, na ría de Pontevedra



DESDE SALVEMOS MONTEFERRO SOLIDARIZÁMONOS COA LOITA CONTRA O COMPLEXO ENCE-ELNOSA NA VECIÑA RÍA DE PONTEVEDRA.

Apoiamos e asistiremos á manifestación convocada pola “Asociación para a Defensa da Ría de Pontevedra”, para o venres 21 de Outubro, en contra da renovación das autorizacións ambientais e, esiximos o peche e o desmantelamento definitivo deste nocivo complexo industrial.

O complexo industrial ENCE-ELNOSA é un dos máis poluíntes da Europa. Desde hai máis de 40 anos leva contaminando a ría de Pontevedra e a atmosfera, afectando a todos os seres vivos que viven dentro e fóra da ría, prexudicando á saúde e calidade de vida das persoas, destruíndo os recursos naturais e afectando á economía local, sobre todo á pesca, ao marisqueo e ao turismo. Alén diso a produción de pasta de papel promove unha política forestal baseada no monocultivo do eucalipto e outras especies alóctonas invasoras que, ano tras ano, serven de propagación de incendios forestais por todo o territorio dado o seu carácter pirófito, desertizando os nosos montes e sedimentando por engadido os fondos mariños das nosas rías coas súas cinzas.

ENCE-ELNOSA viola sistematicamente a normativa medio ambiental galega, estatal e comunitaria.

O bipartito PSOE-BNG, permitiulles superar os límites fixados de contaminación pola Lei de Aguas Residuais Urbanas, en materia orgánica, metais pesados como cadmio e mercurio e organoclorados, por medio das chamadas AAI (Autorizacións Ambientais Integradas), e agora a Xunta do PP quere renovalas.

Os metais pesados son tóxicos e bioacumulábeis, afectan negativamente á fauna mariña e poden provocar graves doenzas para as persoas que consomen os produtos da ría.

Os organoclorados, tóxicos tamén, acumúlanse nos tecidos grasos, e en órganos como o fígado e cerebro. E poden provocar trastornos tiroideos, e enfermedades neurolóxicas. Teñen unha longa vida e unha lenta biodegradación na natureza.

A emisión de sulfuros á atmosfera, alén dos malos cheiros que dispersa por toda a bisbarra, restando calidade de vida a súa poboación, é responsábel da anómala taxa de alerxias e enfermidades bronco-pulmonares que existe na zona.

A materia orgánica vertida ao mar en exceso, ao descompoñerse consume moito osíxeno o que provoca a morte de organismos aerobios mariños.

O que fai este complexo industrial é un atentado ambiental, demostrado xudicialmente, polo que deberían responder penalmente por elo.

Os tres partidos con representación parlamentaria na Xunta continúan sendo cómplices desta desfeita, por permitir esta mortífera actividade, poñendo trabas ao acceso á información, manipulando datos e defendendo só os plantexamentos economicistas, feitos en base ás falsidades montadas polo propio lobbie empresarial, e, boicoteando as demandas da Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra.

Tamén por activa e por pasiva, son cómplices das estrataxemas da mesma industria, que non busca máis que perpetuar a súa presenza na ría, contravindo a propia lei de Costas, hipotecando a lexitima recuperación do dominio público marítimo-terrestre e a necesaria rexeneración medio ambiental da marisma de Lourizán.

POR UNHA RÍA VIVA:

NON Á RENOVACIÓN DAS AUTORIZACIÓNS AMBIENTAIS

PECHE XA E DESMANTELAMENTO DEFINITIVO DE ENCE-ELNOSA

DEPURACIÓN DE RESPONSABILIDADES POR ATENTADO AMBIENTAL CONTINUADO

Comentarios actuais

1 comentarios até agora (pon o teu)

Qué terá ENCE que todos os gobernos o queren manter ainda que haxa sentencias do TSXG en contra?

FORA ENCE-ELNOSA DA RÃA DE PONTEVEDRA!

Autor: Pedro Alvarez o Mércoles, 19.10.11 @ 19:31pm | #121

Deixe o seu comentario:

Autor:

E-Mail:

URL:

Comentario:


 


Teclee estes caracteres:

 

Nota: As contas de Email non serán visibles e usaranse só para validar o seu comentario. Manteña as formas. Calqueira comentario insultante, inapropiado ou ofensivo será eliminado.

Non se permite código HTML. Os saltos de liña serán convertidos automaticamente. Por favor, utilice BBCode para formatear o seu texto.