http://www.salvemosmonteferro.org
Monteferro, 27 de maio de 2020:




DOBRE PANDEMIA



Nestes días de confinamento nos que a sociedade civil ven dando mostras dun gran civismo e resistencia, atopamos que o tecido asociativo e cultural do país hibernou ou mermou moito a súa actividade por motivos obvios. A Xunta de Galicia pola contra, non parou a súa actividade, e aínda coa poboación confinada e coa mobilidade restrinxida, acelerou un feixe de procedementos administrativos de proxectos industriais. Esto que en principio non estaría mal si os dereitos dos cidadáns estiveran protexidos e tivesen os prazos e as posibilidades de analizar e actuar con normalidade ante calquera deses procedementos, que non é o caso.

Poidemos ver na páxina da Consellería de Industria a situación dos proxectos de Parques Eólicos da Serra da Groba e da Serra do Galiñeiro.

Na Serra do Galiñeiro vemos que hai 13 muíños eólicos en tramitación. Na Serra da Groba aparecen 11 muíños no P.E. Albariño; 7 no P.E. Merendón, tamén en tramitación. E aparecen divididos en catro Parques Eólicos como de nova solicitude, o Toroña con 10 muíños; Torroña I con 4 muíños;  Torroña III con 10 muíños,  e o do Rosal con 2 muíños. Asemade as respectivas subestacións e torres metereolóxicas; catro torres e dúas subestacións novas,  máis as previstas para o Albariño e o Merendón, en total catro subestacións na Groba. A do Galiñeiro non aparece no mapa informativo.

A sociedade civil do Val de Miñor e de Vigo, así como a Louriña e o Baixo Miño xa manifestou no seu intre a súa opinión sobre os  vellos proxectos do Galiñeiro e da Groba. Fixéronse estudos, informes, alegacións e púxose de manifesto ante a opinión pública os valores destes territorios do sur da provincia de Pontevedra. Os concellos manifestaron en plenos o seu rexeitamento ante estes proxectos industriais que non aportan ningún valor engadido para a poboación das bisbarras e concellos afectados. Manifestouse que os números, a economía,  é algo máis que o produtivismo dos euros producidos polos megavatios destes parques e destas empresas, que con moito poder, dividen, fraccionan e especulan coas concesións igual que fan noutros casos para que con empresas varias cheguen as contas de resultados de grandes emporios empresariais que pouco benefician a maioría de veciños dos territorios. Non baixa o prezo da luz, non se crean moitos postos de traballo nin se avanza na tan nomeada transición ecolóxica, paradoxalmente. E aínda que se crean postos de traballo, se pagan taxas e alugueiros/convenios cos propietarios da terra, non se entran a valorar outras perdas medioambientais, naturais e culturais, que xa vai sendo hora de que se valoren e se taxen na súa xusta medida, e se deixe de trocar por euros calquera outro valor difícil de taxar, como é a do patrimonio natural e cultural.

En tempo de pandemia e, probablemente, de mudanzas sociais,  económicas, e  necesariamente de sistemas, non podemos seguir avante cos mesmos erros do pasado, e deixar para os que veñan despois un país e unha terra asoballada polas industrias, sexan estas as que sexan.

Temos en Galicia parques eólicos por todas as serras e montes. Xa poucas son as que fican sen as torres dos muíños de vento e esas pistas que fenden a paisaxe de lugares que deberían ser santuarios naturais. O futuro está nas enerxías limpas, si. Mais non a calquera prezo nin cos procedementos especulativos de sempre. O negocio non pode xustificalo todo. Hai que mudar as formas e ir de verdade a transición ecolóxica doutro xeito.

As Plataformas do Galiñeiro e SOS Groba, xunto coa sociedade civil manifestáronse moi claramente sobre estes procedementos e plans. Puxeron negro sobre branco os valores naturais e culturais das dúas serras que fechan o Val de Miñor e que son as iconas do sur da provincia. Turismo, natureza e patrimonio cultural teñen que ir xunguidos no futuro da bisbarra e, tamén, calquera industria que sexa respectuosa co medio ambiente e o patrimonio natural e cultural.

Nestes días tan emotivos e dificiles para todas e todos, ver que hai quen segue a pular por proxectos tan agresivos para as nosas serras, e que desprecia todos os outros valores que tanto estamos  botando de menos neste confinamento, e que agora valoramos máis que nunca ( precisamente cando non podemos gozar deles), lévanos a denunciar e alzar a voz para que ninguén se sinta protexido por unha administración que  lonxe de velar polos intereses dos seus cidadáns, axuda as empresas que máis levan expoliado e que so ven no beneficio empresarial o futuro. O noso non é ver as serras industrializadas e perdendo máis diviersidade e patrimonio. Non é ver como se segue a especular coa terra que non é nosa, da nosa xeración, se non das futuras que tamén teñen dereito a un mundo mellor.

Queremos, denunciar alto e craro, que imos a estar aí vixiantes, denunciando as pretensións insdustriais agresivas  para as serras da Groba e do Galiñeiro. Quremos denunciar, agora que imos entrar en periodo electoral, que os partidos politicos se manifesten e expresen o seu posicionamento ante estes proxectos concretos. Que os concellos de Vigo, Mos, O Porriño, Gondomar, Baiona, Oia, Tomiño e O Rosal se posicionen e lles digan os seus veciños cal é a súa postura ante estes proxectos. Que as Comunidades de Montes afectadas tamén se manifesten e digan se queren eses muíños e os cartos do alugueiro das terras, ou pola contra, están por un monte multifuncional no que os valores naturais e culturais sexan conxugados cos dos outros usos do monte tradicionais e respectuosos co medio ambiente e a explotación racional dos recursos.

Galicia presume de ser un país verde, no que a natureza e un valor senlleiro. Galicia ten moi pouca natureza protexida por lei, Rede Natura, Parques Nacionais, Espazos Protexidos... e ten grandes contradicións na protección efectiva deses espazos e doutros que non teñen figura de protección e que si a deberían ter (como son estas dúas serras pola densidade de valores naturais e patrimoniais).

Galicia ten a maioría das súas serras e monte afectados por Parques Eólicos, construídos, en construcción e/ou en procedemento administrativo. Nen as serras maís senlleiras se libran de ser aproveitadas para a explotación eólica. Coidamos que é moito impacto para a natureza, a pesares da etiqueta  verde que levan implícita.

En tempos de pandemia, ollar estas novas nas páxinas oficiais da Xunta, é unha dobre pandemia,  é un  duro golpe para a sociedade , os movementos ecoloxístas e  o asociacionísmo que temos as mans atadas polo confinamento e a imposibilidade de facer asambleas e xuntanzas presenciais pola limitacións de movementos e desprazamentos.

É polo que queremos denunciar e anunciar a opinión pública que non podemos permitir  que estes proxectos sigan avante, e que a pesares das dificultades, seguiremos atentos e


SOLICITAMOS:


Que os partidos políticos, os concellos e as Comunidades de Montes afectadas se posicionen publicamente xa, antes da campaña electoral e das eleccións.

Comentarios actuais

0 comentarios até agora (pon o teu)

Deixe o seu comentario:

Autor:

E-Mail:

URL:

Comentario:


 


Teclee estes caracteres:

 

Nota: As contas de Email non serán visibles e usaranse só para validar o seu comentario. Manteña as formas. Calqueira comentario insultante, inapropiado ou ofensivo será eliminado.

Non se permite código HTML. Os saltos de liña serán convertidos automaticamente. Por favor, utilice BBCode para formatear o seu texto.