http://www.salvemosmonteferro.org
Monteferro, 10 de Xulio de 2009:




Acelérase o proceso de destrución da Ría de Vigo




O ritmo de deterioro xeneralizado da nosa ría chega actualmente a niveis nunca vistos

Os máis de 150.000 m2 de recheos que se pretenden iniciar a toda presa en Bouzas e no Areal, xunto con outros proxectos similares, ameazan converter ao Mar de Vigo nunha canle portuaria.

A contaminación segue aumentando imparable. Miles de toneladas de augas residuais de todo tipo son vertidas ó mar diariamente.

Segue en pé a ameaza de facer desaparecer a praia de Ríos en Teis baixo un novo porto deportivo que se levaría por diante a súa riqueza marisqueira. E en Cangas, en Massó, a Garda Civil escoltou e protexeu durante dias aos que están aterrando e destruíndo unha das zonas máis ricas en biodiversidade de toda a ría. Que triste é o cantar que cantamos... Hoxe faremos un brevísimo repaso desta incesante desgraza.

Empezamos polo máis próximo a casa:



A Foz do Miñor:
Tres anos sen mariscar

Os altos niveis de contaminación por coliformes que sofre este “Lugar de Interese Comunitario” integrado na Rede Natura 2000, levárono a ser declarado zona C hai agora tres anos, é dicir zona non apta para o marisqueo.

Quizais foi para celebrar tan triste efeméride que a Consellería de Pesca decidiu suspender a axuda económica que por este motivo recibían ata agora as mariscadoras. O esteiro do río Miñor era a zona máis produtiva para elas, de onde extraían a cobizada ameixa fina, entre outras especies. O fin da subvención significa tamén o fin dos traballos de rexeneración que estas mulleres viñan realizando, co que se pon en serio perigo a supervivencia mesma do banco marisqueiro.

O que máis lamenta a presidenta da agrupación de mariscadoras, Mercedes Lema, é que durante estes tres anos a situación de contaminación na desembocadura do Miñor continúe sendo a mesma, que non se teña feito nada por solucionala.

Fotos Valminor.info. Ver reportaxe completa.

A futura posta en funcionamento da depuradora de Baiona tampouco resolverá o problema da contaminación do esteiro. O problema radica no deficiente funcionamento da depuradora de Gondomar e na falta de redes de saneamento en varias parroquias que verten directamente ao río.



Os mariñeiros do Val Miñor teñen denunciado xa en varias ocasións estas carencias (e nós tamén), sen que ninguén pareza terse dado por aludido.



Así, entre o desleixo e o abandono, imos vendo morrer á Foz do Miñor, unha das xoias naturais do noso val, á que de pouco (ou de nada) lle valeu ser incluída na Rede Natura 2000.

Pero o mesmo que pasa na Foz sucede tamén nas redes de saneamento e nas depuradoras de Cangas, Moaña, Vilaboa, Arcade, Redondela, Vigo... Todas inútiles ou moi deficitarias.


A contaminación integral
da Ría de Vigo

O caso de Vigo é ben coñecido. A proxectada macrodepuradora de Coruxo (agora din que non hai cartos para ela) non resolverá de ningún modo o problema, porque nese proxecto non se abordan nin solucionan as causas que fixeron inútil a existente: a necesaria separación das augas pluviais, industriais e residuais urbanas.


Cando chove, as augas pluviais recollidas polos centos de sumidoiros da cidade, mestúranse coas residuais urbanas, facendo que o caudal resultante supere á capacidade da depuradora (por grande que esta sexa). O resultado é que unha gran parte dese caudal vértese ao mar sen tratamento ningún. Mentres non se resolva este problema --que está nas redes de saneamento-- nada se solucionará.

Os vertidos industriais (cando non van directamente á ría) matan ós microorganismos necesarios para que as depuradoras fagan o seu traballo. A ausencia de pre depuradoras específicas en cada industria, segundo a tipoloxía dos seus vertidos, fai imposible unha depuración minimamente axeitada.

Malpocada Foz do Miñor! E así imos. Para solucionar isto non hai cartos nin vontade. Para as mariscadoras da Foz tampouco. Pero para outras cousas si:


Máis de 150.000 m2
de novos recheos na ría

E isto contando só os que se queren iniciar de inmediato.

A Autoridade Portuaria de Vigo é unha empresa inmobiliaria en expansión permanente que crece cara ó mar. Ou mellor dito, sobre o mar. Xa hai tempo que os barcos, a actividade pesqueira e as necesidades do comercio marítimo pasaron a ser simples pretextos para a verdadeira función desta entidade: o subministro de solo para a especulación.

Os seus ingresos proceden máis do aluguer de espazos portuarios a empresas que nada teñen que ver co porto, que da correcta xestión de este.


A autocracia Portuaria foca os seus designios no aluguer de metros cadrados infinitos aos particulares: Instalacións fabrís e mercantís non portuarias, oficinas como as da Zona Franca, portos deportivos, depósitos de automóbeis. Hai pouco foi construído alí un enorme centro comercial; sen tardar virán torres acristaladas para apartamentos, hoteis, parques temáticos, restaurantes...


E claro, así non hai espazo portuario que abonde.



Pero, como o mar é de todos, o proxecto estrela é o recheo interminábel, permanente e ad libitum.

Estes son os seus próximos obxectivos:


Ampliación do recheo
de Bouzas: 83.024 m2

O monstro de Bouzas (máis de 1.000.000 de m2 a día de hoxe) aínda non lles abonda

A zona sinalada en azul corresponde á edificación de silos en tres alturas para almacenamento de coches de Citroën. Tería 27.000 m2 de planta. (Uns 80.000 m2 útiles).

Unha curiosidade: Citroën non figura no listado de empresas concesionarias do porto, polo que non paga nin tan só 1 € pola actual ocupación de máis de 300.000 m2 neste recheo.



Ampliación do recheo
do Areal: 59.680 m2

Falta sitio para os contenedores, din desde a APV con voz alarmada.

¿Falta sitio ou o que hai está mal xestionado? Baste dicir que no ano 2006 o porto de Hong Kong moveu 4,2 veces máis contenedores que o de Vigo por cada hectárea de superficie portuaria destinada a ese fin.

Falta liña de atraque, reclaman.

Pero poden renunciar a toda a cara oeste da instalación (iso é o 35%) para convertela nun porto deportivo, como proxecta o Plan Nouvel e podedes ver aquí debaixo.


Plan Nouvel: 12.000 m2

Teoricamente pretende ampliar o porto de cruceiros para posibilitar o atraque simultáneo de tres destes buques, unha coincidencia que se deu moi poucas veces nos últimos anos.

En realidade o auténtico interese desta actuación pasa unha vez máis pola especulación, tanto na ampliación do porto deportivo en 1.140 amarres en pleno centro da cidade (parte deles inutilizando a fronte oeste do porto comercial), como na edificación do polémico monolito de 117 metros de altura para hotel, oficinas ou vaia Vde. a saber que inventos...

Agora parece ser que a nova presidenta da APV, Corina Porro, non está pola labor de levar adiante este proxecto herdado do seu rival político, Abel Caballero. Pero segue sendo partidaria da ampliación do peirao. Recentemente fálase dunha solución para conseguir o amarre de dous cruceiros á vez cunha obra de moitísimo menor impacto, pero a APV considera esta opción só como provisional.


Outros recheos previstos:

62.000 m2 máis dentro da Rede Natura 2000




Outros tres proxectos da APV ameazan á Enseada de San Simón, outro espazo teoricamente protexido pola Rede Natura 2000: Punta Chapelisa, Rande e Duchess.





Punta Chapelisa: 21.358 m2

Esta actuación uniríase aos 5.000 m2 de recheo e 30.000 m3 de dragado que recentemente se realizaron (2008) nas instalacións de Pescanova en Chapela (o tellado azul da esquerda da imaxe)


Rande: 10.000 m2

Este proxecto leva aparellada a construción dun pantalán de 6.000 m2 de superficie, 225 m de lonxitude e 100 m de avance sobre o mar.

Na finca da Granxa, quérense levantar naves industriais que ocuparían un total de 9.000 m2.


Duchess: 30.881 m2

A zona sinalada en azul corresponde a obras de achaiamento e asfaltado de terreos destinados a usos portuarios.

Esas obras xa foron realizadas neste mesmo ano 2009 sen licenza municipal. A Plataforma en Defensa da Enseada de San Simón ven de ver admitida a súa denuncia ante a Unión Europea por todas as irregularidades que acompañaron á execución desta obra. .

"Aínda que estes terreos foran comprados polo Porto, non son do seu dominio, polo que deben cumprir coa lexislación comunitaria relativa á Rede Natura, que só permite aproveitamentos económicos propios da enseada, como a pesca e o marisqueo"




O conto de nunca acabar

Na seguinte imaxe pódese ver o resultado de moitos anos de actuacións no litoral da ría, desde Alcabre a Rande.

Todo o sinalado (a liña encarnada incluída) é espazo gañado ao mar, recheos construídos ao longo do século XX que artificializan a costa, mudan as correntes e producen múltiples efectos negativos sobre os ecosistemas. Ata cando e ata onde pensan seguir así?

Para coñecer mellor os efectos dos recheos nas rías pódese ler este informe, resumo dun traballo de Juan José González, do Centro Oceanográfico de Vigo


Portos deportivos: Suma e sigue

Preténdense crear máis de 5.000 novas prazas de amarre en portos deportivos na Ría de Vigo, o que significaría triplicar o número de prazas que había en 2007.

Din, sen ningunha vergoña, que queren captar embarcacións do norte de Portugal e doutros países, para que pasen o inverno nas nosas costas ofrecendo prezos máis baratos... Aínda que iso signifique arruinar unha gran parte da nosa riqueza pesqueira e marisqueira, destruír centos de postos de traballo e privatizar o litoral para beneficio duns poucos.


As praias de Teis


Como din @s compañeir@s de Voces polo Litoral, “Teis ten praias”. Pero parece que algúns están empeñados en destruílas.


Á desaparición da praia da Lagoa, víctima do porto deportivo ilegal de Punta Lagoa, construído alí por Fernández de Sousa, o propietario de Pescanova, hai que engadir á ameaza que pesa sobre a de Ríos, na antiga ETEA, onde se quere construír outro aínda maior. O proxecto danaría tamén á Praia de A Punta.



Porto deportivo da ETEA

  • Ocupación: 250.000 m2 de lámina de auga
  • Amarres para 1.076 embarcacións
  • Destrución irreversible da Praia de Ríos
  • Dragado dun banco de ameixa
  • Cambio de orientación da Praia de A Punta
  • Construción de novos recheos e espigóns
  • Privatiza o dominio público marítimo terrestre.


Porto deportivo de Massó en Cangas


*.- Promovido por Caixanova
*.- Ocupación lámina de auga: 212.348 m2
*.- Recheos: 40.000 m2

Na zona mariña de Massó que pretende estragarse coa construción do porto deportivo, faenan arredor de 500 persoas. Dela tense sacado máis dunha tonelada de ameixa nun só día. Pero tamén polbo, camarón, navalla, ostra, centola, ourizos... Os seus fondos de maërl son especialmente ricos en biodiversidade, dos máis ricos da ría, e constitúen unha zona de alevinaxe de moitas especies.


En terra este proxecto busca especular con 200.000 m2 para a construción de vivendas de luxo, hoteis e un centro comercial. Moitos deses metros cadrados son de dominio público, outros zona industrial e unha boa parte está cualificada como espazo natural protexido: Espazo Natural Barra–Cabo home.

Desde hai máis de tres anos a oposición veciñal artellada en torno ao Foro Social de Cangas evitou o inicio das obras coa súa presencia diaria no lugar para impedir o paso das máquinas, resistindo sempre pacificamente. Tres anos. Diariamente. Pacífica e pacientemente.

Así foi ata que, desde o pasado luns día 25 de maio, seis furgóns da Garda Civil e máis de 20 axentes dedicáronse a protexer o desenvolvemento dos traballos dunha obra manifestamente ilegal, que nin tan siquera contaba coa pertinente licenza municipal. O goberno de Cangas, salvo honrosas excepcións, miraba para outro lado.

Ata que o día 15 de xuño o Concello de Cangas, grazas á insistencia da ACE, colocou un sinal de dirección prohibida no camiño de acceso ás obras, os camións cargados de terra e pedras entraban protexidos pola Garda Civil que chegou a practicar varias detencións entre os que tentaban evitalo. Ese sinal é custodiado día e noite polos veciños para evitar que sexa arrincado, como sucedeu co primeiro que se colocou.

Finalmente, o día 2 de xullo, a empresa construtora iniciaba a retirada da maquinaria pesada de Cabo Balea.

Unha vez máis queda demostrado que a mobilización cidadá é quen de evitar desfeitas como a de Cangas. Parabéns a todas e todos os que o fixeron posible.

Comentarios actuais

1 comentarios até agora (pon o teu)

Un trabajo espectacular que deja en evidencia la verdadera finalidad que persiguen los políticos dirigentes del puerto.
Gracias por presentar las cosas con esta sencillez aunque resulte tan brutal.
Excelente trabajo.

Felicidades.

Autor: Pepe Cañas o Domingo, 12.07.09 @ 01:24am | #65

Deixe o seu comentario:

Autor:

E-Mail:

URL:

Comentario:


 


Teclee estes caracteres:

 

Nota: As contas de Email non serán visibles e usaranse só para validar o seu comentario. Manteña as formas. Calqueira comentario insultante, inapropiado ou ofensivo será eliminado.

Non se permite código HTML. Os saltos de liña serán convertidos automaticamente. Por favor, utilice BBCode para formatear o seu texto.