![]()
![]() Ante a reunión que manterán en Vigo os ministros de pesca da UE os días 4 e 5 de maio, os grupos integrados na rede de colectivos A RIA NON SE VENDE / GALIZA NON SE VENDE pensamos que, na alarmante situación actual, cómpre facer visibles á sociedade os enormes problemas e a ignorada catástrofe que os sistemas de pesca industrial están causando nos océanos, xunto á problemática situación do litoral galego, especialmente nas rías e o sector extractivo.
Por este grave motivo, ARNSV/GNSV organiza un encontro paralelo á reunión ministerial con distintos grupos ecoloxistas de Galicia, do resto do Estado e das máis importantes organizacións internacionais, entre as que se contan Greenpeace, Ecoloxistas en Acción, WWF Adena, Océana, Marcha Mundial das Mulleres, Amarante, Altermundo e outras, así como confrarías de pesca e representantes do sector marisqueiro locais.
O encontro terá lugar entre o 27 de abril e o último día da reunión ministerial, o 5 de maio, e constará dos actos e accións que se detallan no programa. Reproducimos a continuación o documento elaborado desde A RIA NON SE VENDE para convocar aos distintos colectivos participantes no encontro paralelo á reunión dos ministros de pesca da UE en Vigo. da sustentabilidade ao desequilibrio ecolóxico ![]() "Coma o peixe non se vía, e daquela non había os adiantos, coma a sonda, había que ghaldear, que era machucar sardiñas podres para botalas no momento da pesca e enghardar, atraer e xuntar o peixe. Facíao un home que se separaba do barco nunha chalana hasta quedar no medio. Mentras tanto largábase en redondo. Para eso dous homes estaban en proa, para halar a pedreira e despois tirar a jareta e que entrara o peixe. En popa, dous homes halaban os corchos, que teñen que ir separadiños, e outros dous homes poñian a rede ben e recollían". “Homes de ferro en barcos de madeira” As xentes que viven do mar coñecen de primeira man a realidade do sector pesqueiro. Son testemuñas, día a día, das continuas agresións ao medio mariño. Testemuñas e axentes involuntarios. Empresas e mariñeiros tratan de manter unha actividade extractiva cada vez menos rendible e que, ante a presión do mercado capitalista, carece de regulacións e límites racionais, o que deriva na sobreexplotación do mar como recurso, e na súa grave degradación como ecosistema. ![]() En primeiro lugar, unha desmesurada capacidade de explotación, e a correpondente desmesura na demanda. En segundo lugar, a concentración dos medios extractivos máis potentes nas mans das poucas empresas coa capacidade económica e tecnolóxica precisa. En terceiro lugar, o férreo control do mercado por intermediarios multinacionais. A sobreexplotación dos caladoiros está provocando un esgotamento dos recursos nunca antes coñecido e, sobre todo, un desequilibrio ecolóxico que está levando aos ecosistemas mariños a unha situación crítica. Unha situación que os poderes políticos ocultan sistematicamente á opinión pública. ![]() Os beneficios económicos da pesca concéntranse nas mas duns poucos. Mentres, as xentes do mar e os traballadores das empresas relacionadas coa pesca teñen dificultades para sacar adiante as súas modestas economías. A desmesura da extracción, o emprego de artes destrutivas e o seu abandono no mar teñen graves efectos na pesca de altura e de baixura, nas augas oceánicas e nas augas litorais, en todo o mundo. Isto compromete gravemente a subsistencia de moita xente, sobre todo nos países da periferia económica (os mal chamados países pobres ou terceiro mundo). ![]() As nosas costas xa non fornecen a demanda dos mercados propios coas especies do día. Os peixes e mariscos que consumimos proceden máis da importación e dos cultivos que das augas e areais galegos. E é que, no noso País, aos efectos da sobreexplotación pesqueira xúnguese á degradación ecolóxica do litoral provocada pola actividade humana, tanto en terra como no propio mar. Os asentamentos urbanos, a industria, as infraestruturas, o agro e a mesma pesca son xeradores de residuos e fonte de verquidos contaminantes, produtos que, incontrolados e non depurados, acaban depositados ou disolvidos nas augas costeiras, absorbidos nos sedimentos dos fondos das enseadas, esteiros e areais e, finalmente, incorporados, a través das cadeas tróficas, nos organismos das especies mariñas, incluídas aquelas das que nos alimentamos. A isto hai que engadir a ocupación directa do leito mariño pola desmedida proliferación de infraestruturas portuarias, o que supón a desaparición de ecosistemas valiosos, a alteración das correntes e unha nova achega de materiais contaminantes. ![]() Este mar ferido precisa accións urxentes. É necesario deter as agresións ao medio mariño, atopar o xeito de reparar os danos provocados e restaurar o seu equilibrio ecolóxico. É necesario atopar un novo rumbo, que nos permita abandonar a nosa actual condición de depredadores que compiten encarnizadamente por uns recursos limitados, e que nos leve a unha coexistencia cooperativa, e a un modo de vida o máis simbiótico posible co medio do que procedemos e ao que pertencemos. O vindeiro mes de Maio vaise a celebrar en Vigo un Cumio de ministros de pesca da Unión Europea. O seu obxecto é seguir tratando de elaborar e reformar o marco legal para unha pesca máis sostible. É dicir: tratar de elaborar unha política pesqueira menos irracional. Unha política que non dan acadada despois de moitos intentos errados. Unha política que debería ter un obxectivo radical: unha pesca racional e sustentable, e que xa tería que estar funcionando e dando resultados dende hai anos, quizais dende os propios comezos da actividade pesqueira a gran escala. Pero a UE segue dando bandazos, presionada por un mercado que busca o menor custo e máximo beneficio sen ter en conta os parámetros sociais e ecolóxicos nos seus cálculos. Deste xeito, a UE dálle cova a unha actividade pesqueira industrializada de comportamento salvaxe cos propios recursos e co medio mariño.
A lexendaria oceanógrafa Sylvia Earle comparte impresionantes imaxes do océano -así como tamén impactantes resultados estatísticos do seu rápido deterioro- mentres formula o seu desexo para o TED Prize: Que todos nos unamos na protección do vital corazón azul do planeta. ![]() |
Comentarios actuais
comentarios até agora (pon o teu)