EN DEFENSA DO LITORAL:
A RÍA DE VIGO


Ría de Vigo


Os elevados niveis de contaminación da Ría de Vigo, unidos ó alarmante proceso de destrución da paisaxe e da natureza no seu litoral, constitúen o motivo que nos moveu á elaboración deste traballo: un mapa que atoparedes ó final destas palabras.

A constante construción de recheos, portos deportivos, peiraos e outras modificacións artificiais da costa, están producindo un grave dano ó delicado equilibrio ecolóxico da Ría, e polo tanto significan (dun xeito xa evidente) a destrución do noso principal recurso natural: a riqueza marisqueira e pesqueira do Mar de Vigo. Un patrimonio común que estamos poñendo en grave perigo, na súa totalidade, por primeira vez na nosa historia.

Tamén significan, na práctica, a privatización da nosa costa, porque están arrebatando á cidadanía espazos de lecer e natureza que por lei lle pertencen.

A inmensa maioría de estas construcións están ó servicio de grandes empresas privadas (mesmo multinacionais) cuxo único fin é obter o maior lucro posible, e que non dubidarán en pechar as súas portas (abandonando traballadores e traballadoras, peiraos e recheos) cando conveña ós seus intereses.


O Plan de Usos elaborado pola Autoridade Portuaria de Vigo, pretende consagrar como criterio de ordenación, o de considerar toda a Ría como un espazo portuario de especial interese empresarial (comercial, industrial e inmobiliario), ignorando a súa riqueza ecolóxica e minimizando a importancia do ben común que supón a súa biodiversidade, dando cabida a proxectos tan agresivos como a ampliación do recheo de Bouzas, o plan do porto de Vigo, o recheo de Pescanova en Teis, o recheo de Tranvías Eléctricos en Rande ou o porto deportivo de Massó, en Cangas entre outros.

E por se todo isto fora pouco debemos engadir que Vigo, a cidade máis poboada de Galicia, e a veintena de municipios que a circundan pintaron nos seus plans xerais, recentemente aprobados ou en tramitación, a construción de 220.000 vivendas para albergar a 859.000 habitantes antes do ano 2020. Unha auténtica aberración nunha Ría na que hoxe convivimos 530.000 persoas e na que hai 56.833 pisos baleiros.

Velaí xa o mapa desta Ría con 15 puntos negros sinalados.

Para mellor dicir, son 15 puntos negros e un punto azul: o Punto Cero

O Punto Cero é o mar, a auga, o que verdadeiramente chamamos ría. Un ser vivo que late co ritmo do corazón do Universo. Non deixedes de visitar este Punto Cero porque nel veredes como respira, como se move, como palpita e como se renova.

O clicar en cada punto abrirase unha fiestra con ampla información de cada lugar, incluíndo vencellos a páxinas relacionadas, hemeroteca, contactos, etc.




. . . o o o O 0 O o o o . . .