Este espazo natural, ameazado polo proxecto de urbanización e porto deportivo do Salgueirón, en Cangas, na contorna da antiga fábrica de Massó, aséntase sobre solo catalogado dende 1990 como de Protección de Espazos Naturais pola Consellería de Ordenación Territorial. (Espazo Natural Barra–Cabo home)

Hai catalogadas aquí na actualidade unhas 400 especies de plantas, 70 de insectos coleópteros e bolboretas, 1 peixe (anguía da lagoa), 6 anfibios, 14 réptiles, 140 aves (das que polo menos 23 crían na zona) e 20 mamíferos.



Algunhas razóns
para conservar Punta Balea

Este espazo natural, situado a carón do núcleo urbano de Cangas, destaca por concentrar multitude de hábitats en moi pouca extensión de terreo. A práctica totalidade das súas aproximadamente 15 ha., atópanse en Dominio Público Terrestre e zona de servidume de protección, dando lugar a unha gran riqueza natural e unha alta diversidade biolóxica.

Trátase dunha zona de gran beleza paisaxística. Conta con diversas praias (A Congorza, Do Medio e Areamilla) e unha boa representación de costa rochosa, que en baixamar descobre unha ampla superficie intermareal. En terra atópanse: a Lagoa da Congorza, de 2.6 ha. (catalogada co nº 1140208 no inventario de humidais de Galicia), zona palustre, bosquete de salgueiros e loureiros, toxal, costa rochosa, dunas, campos de cultivo e baldíos. A praia de Areamilla aínda conserva un espazo de dunas que engade atractivo a este tramo de costa.

O intermareal constitúe un dos hábitats mais heteroxéneos de cantos podamos atopar no espazo natural. Nas rochas aparecen numerosos invertebrados que resisten ben a desecación como o arneirón, lapa, caramuxos, mexillón, miñocas ou o queimacasas e algas como as botellas, a correa de mar e o carrapucho. Nas pozas de marea podemos observar grupos moi dispares, resistentes as variacións de temperatura, concentración de osixeno, e salinidade, como estrugas de mar, camaróns, ou algún peixe. Moitas especies escapan dos predadores e da desecación, agochándose baixo as pedras, como esponxas, miñocas, quitóns, gasterópodos, carallotes, ofiuras, diversos cangrexos, ourizos, estrelas, mexetes...

A baixamar, ofrece uns recursos tróficos, que son accesibles para aves como as garzas, gabitas, vira pedras e biluricos (ata 19 especies de limícolas e 9 de gaivotas). No mar, atopamos aves como os corvos mariños, os araos e os carráns.

No chanzo máis alto da cadea trófica, atópase o golfiño (catalogado “de interese comunitario” na directiva Hábitats), presente practicamente ao longo de todo o ano.

Os fortes temporais e a ondada do mar, depositan, nas liñas de marea, cunchas do bivalvos, cangrexos peludos e ourizos irregulares, así como gasterópodos, ovos de raias, melcas e patarroxas, e mesmo especies oceánicas. As algas, xunto cos animais mortos depositados na praia, constitúen un recurso fundamental para o resto da cadea trófica, proporcionando, por exemplo, sustento a pulga de area e larvas de insectos que á súa vez serven de alimento a gran cantidade de especies de aves, como diversos paseriformes, gaivotas e limícolas, que aproveitan este alimento nas paradas de descanso durante as súas migracións.

Os areais e dunas constitúen un hábitat moi adverso para o crecemento das plantas, polo que estas adoptan sofisticadas estratexias para habitalos con éxito, como follas carnosas, longas raíces, cor cincenta para reflectir a intensa luz. Hoxe en día, as plantas características da primeira liña de praia teñen grandes problemas de conservación debido á utilización masiva e indiscriminada dos areais na época estival, o que xa provocou a extinción de diversas especies deste espazo nos últimos anos.

Os ecosistemas en dunas son biótopos fráxiles, cun elevado valor natural, e as reservas de area que garanten a existencia das praias.

Se as dunas se destrúen, a praia sufre a progresiva degradación que se ven observando nos últimos anos na Areamilla. Numerosas plantas corren o risco de desaparecer, como a mapoula das praias (na foto), o feo,o alelí das praias, ou o cardo dourado, entre as que se atopan algunhas endémicas como os paxariños amarelos ou o carra-pique. A vexetación podería preservarse limpando as praias a man, sen usar máquinas, e deixando unha franxa duns metros na parte máis alta. Débese evitar o excesivo pisoteo e a práctica de deportes nas dunas.

Nos cantís mariños e zonas con pouco solo, atopamos pirixel do mar, allo bravo, dúas orquídeas, e especies de gran interese no contexto galego como a herba de namorar, a Contaurea sphaerocaphala, subsp. polyacantha, Lathyrus aphaca e dous “fentiños”: a lingua de crobe e o Isoetes hystrix.

A mediados do século pasado, a práctica totalidade dos terreos que bordeaban a lagoa estaban cultivados. O abandono das leiras está a provocar a substitución da vexetación arvense por outra máis xeralista, aparecendo de forma natural as silveiras, o paso previo ao establecemento do bosque. Aparecen o fiúncho, farnelo, cerraxa, cálsamo e gamarza ou gorga (da familia dos caraveis).


A lagoa

O hábitat máis característico de Punta Balea, a lagoa, era orixinariamente unha braña húmida no verán, que permanecía totalmente asolagada en inverno ata que o home o transformou. Estamos a falar dunha zona singular no Morrazo, xa que apenas existen hábitats semellantes na comarca. A vexetación palustre que rodea a lagoa (principalmente espadanas) refuxio de fauna acuática, atópanse en perigo por causas como a instalación dun tubo de desaugue para a lagoa, nun nivel moi baixo. Aquí viven ata 7 especies de patos, dos que o lavanco cría e reside todo o ano. Tamén cría a galiñola común e no inverno aparece a galiñola negra. Nas árbores que bordean a lagoa repousan e quedan a durmir a garza branca, a garza cincenta e o picapeixe.

A superficie da lagoa está cuberta de un manto de verde, pola incontrolada proliferación da lentella de auga, consecuencia da eurofización das augas (debido principalmente aos aportes de pan para alimentar aos patos), ata convertela nunha praga. A densa capa vexetal impide a penetración da luz, rompendo o equilibrio do ecosistema acuático e provocando a súa morte. Nos últimos anos, tense detectado a desaparición de insectos acuáticos e a mortalidade de anguías.

No extremo da lagoa aparece un pequeno bosque de salgueiros e loureiros, polos que gabean en busca de luz as uvas de raposa, a hedra e o chuchamel. As aves deste hábitat dispoñen de fortes cantos que se escoitan a distancia, a fin de suplir a escasa visibilidade, algunhas ni tan sequera contan con cores vistosas, xa que non son efectivas ao quedaren ocultas polas follas.

En Punta Balea voan sete especies de morcegos e aparecen outros mamíferos coma a pequena donosiña, o ourizo cacho, a toupa, o furaño e, ocasionalmente a xeneta e o raposo.







VOLVER Ó MAPA