Informe:

PERIGO!





RECHEOS NAS RÍAS

As rías baixas deben a súa alta productividade biolóxica á posición xeográfica que ocupan, ás súas características hidrodinámicas e xeomorfolóxicas e a un alto grado de acoplamento espacio-temporal dunha serie de ciclos: físicos, químicos, xeolóxicos e biolóxicos. Así, estes espacios semipechados, e de alto valor ecolóxico, son moi vulnerables ás perturbacións antrópicas (entre as que se inclúen a entrada de contaminantes e as actuacións de dragado e/ou recheo), xa que as alteracións poden romper equilibrios e desaxustar os ciclos.

Estas características fan que actuacións humanas que en mar aberto puidesen ser medioambientalmente admisibles, no interior das rías sexan perigosas ou inaceptables.

O termo ría está aceptado universalmente para diferencialo dunha baía ou dun estuario, o que é unha manifestación da súa singularidade

A fraxilidade destes peculiares espacios (xunto cos seus valores paisaxísticos e faunísticos, as súas posibilidades recreativas, pesqueiras e marisqueiras, así como a súa aptitude para futuros desenvolvementos de acuicultura) fan que, antes de levar a cabo calquera actuación que poida menoscabar as súas posibilidades actuais e vindeiras, haxa que valorar con obxectividade, as súas consecuencias a curto e a longo prazo, ponderando correctamente todos os factores intervintes, xustificando adecuadamente a necesidade da actuación, e en caso de demostrarse que é imprescindible, tratar de reducir o impacto ambiental ao mínimo posible.

Por outra banda, os enclaves de interese ecolóxico e biolóxico, como son as rías baixas, requiren a súa protección e conservación, e facer un uso prudente dos mesmos, seguindo unha tendencia irreversible e crecente das sociedades desenvolvidas, e o mandato recollido tanto na lexislación da UE como de España e de Galicia.


A ría de Vigo é unha unidade funcional físico-biolóxica, (relacionada coa plataforma próxima e a contorna terrestre), polo que as perturbacións que se produzan en calquera punto repercuten, en menor ou maior grado, no seu conxunto.

Isto implica que os impactos que se produzan nela deben de estudiarse no contexto total, tanto espacial como temporalmente. As repercusións dun proxecto de recheo deben valorarse co conxunto doutras obras anteriores, como as moi agresivas de Bouzas, as do Berbés, as actualmente proxectadas e as que puidesen preverse no futuro.




Todo o anterior lévanos a considerar a necesidade dunha ordenación do litoral, delimitando e harmonizando os diferentes usos, establecendo uns obxectivos que sexan os resultantes de amplos debates, nos que se consideren e respecten os intereses e opinións de todos os beneficiarios da ría, e que sexan socialmente aceptados. Neste caso, habería que establecer un límite á ocupación da área marítima, xa que pola contra, e por reducción ao absurdo, a ría podería acabar transformándose nunha ampla canle portuaria.

Os principais efectos das obras proxectadas sobre a ría pódense agrupar nos producidos polos recheos e os debidos ás operacións de dragado.



EFECTOS DOS RECHEOS




CONSECUENCIAS DOS
MOVEMENTOS DE FONDOS MARIÑOS






CERRAR VENTANA